DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entidade amplía as súas capacidades tecnolóxicas e de colaboración con institucións e empresas

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo convértese en operadora de drons autorizada pola AESA

Algúns dos campos nos que traballará son a monitorización agrícola, forestal, mariña e construción

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 12/12/2024

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo amplía as súas capacidades converténdose en operadora de drons autorizada pola Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA). Esta autorización, acadada en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, permitiralle “desempeñar un rol destacado no desenvolvemento e a expansión de actividades de investigación e transferencia con vehículos aéreos non tripulados”.

Dentro do Ifcae, os profesores Higinio González e Fernando Veiga, líderes do Laboratorio de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte (Aerolab) da UVigo, serán os responsables da administración da operadora. “Este grupo de investigación especializouse na robótica aérea e no desenvolvemento de tecnoloxías vinculadas aos drons. Grazas á súa experiencia e coñecemento neste ámbito, poderemos xestionar e optimizar o uso dos drons para os múltiples proxectos nos que o instituto participa”, sinalan os profesores. Os pilotos autorizados, encargados da operación directa dos drons, serán Eduardo Ríos e Gabriel Fontenla, membros tamén do Ifcae e de Aerolab. “Eles recibiron formación especializada e contan coa certificación requirida para pilotar as aeronaves, o cal garante a seguridade e a eficiencia en cada unha das misións que se realicen”, apuntan desde o instituto.

Da monitorización á loxística

A operadora conta xa cunha frota de drons que permite abordar diferentes casos de uso en múltiples sectores. Algúns dos campos nos que se enfocará, indican desde a súa organización, inclúen a monitorización agrícola, forestal, mariña e de procesos de construción. Segundo detallan, no sector agrícola, estas aeronaves permiten unha observación detallada e en tempo real dos cultivos, facilitando a detección temperá de enfermidades, a avaliación de necesidades de rega ou a optimización de recursos. No ámbito forestal, estes vehículos non tripuladas son ferramentas “valiosas para a vixilancia de áreas boscosas e a detección de incendios ou de cambios na masa forestal” e no sector mariño “poden realizar monitoreos na costa ou en espazos de difícil acceso, colleitando datos ambientais relevantes para o estudo de ecosistemas e a protección da biodiversidade”.

Ademais destes usos, a operadora do Ifcae tamén realizará ensaios en tarefas loxísticas, que representan unha área emerxente no uso de aeronaves non tripuladas para o transporte de materiais. “A loxística con drons promete ofrecer solucións rápidas e eficientes en lugares de difícil acceso ou en situacións de emerxencia”, afirman. Neste senso, o equipo de Aerolab está a desenvolver aplicacións innovadoras no ámbito da robótica aérea, buscando integrar a intelixencia artificial nos drons para que poidan tomar decisións autónomas e mellorar a súa capacidade de resposta en distintos escenarios.

Un fito para o Ifcae

A consecución desta acreditación, comentan desde o Ifcae, “representa unha notable consolidación das capacidades do instituto no campo da tecnoloxía aeroespacial e no emprego de drons en sectores crave para a economía e a competitividade”. Acadar ser operadora, indican, “marca un fito para nós e para o campus de Ourense, reforzando as actividades de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías aeroespaciais” e consolida ao grupo Aerolab “como un referente no sector”. Neste senso, sinalan que a obtención desta autorización “non só apoia o traballo realizado polo equipo durante os últimos anos, senón que tamén abre novas oportunidades de colaboración con outras institucións, tanto académicas como empresariais, en proxectos de investigación e transferencia, impulsando a innovación e o avance na tecnoloxía aeroespacial en Galicia, e en concreto en Ourense e desde Ourense”.

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais comezou a funcionar a principios de 2023 coa idea de vertebrar capacidades científicas e tecnolóxicas que hai nas áreas de coñecemento que abrangue no campus de Ourense, onde está a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo. Na actualidade conta con arredor de medio centenar de investigadoras e investigadores de diferentes disciplinas e a súa misión é converterse e posicionarse como un centro de investigación de excelencia e transferencia de I+D sectorial de referencia nos campos da física, os sistemas aeroespaciais e outras disciplinas relacionadas.