DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova xunta directiva deste órgano incorpora un representante da UVigo

O investigador Daniel Arenas asume a secretaría xeral da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo

Supón un recoñecemento ao traballo que se fai desde o campus de Ourense neste ámbito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 26/02/2025

A Sociedad Española de la Ciencia del Suelo (SECS) acaba de elixir unha nova directiva e nela o investigador do Programa Ramón y Cajal da Universidade de Vigo Daniel Arenas foi nomeado secretario xeral. Asumir este cargo, sinala, constitúe “unha grande oportunidade para seguir impulsando a importancia do solo como recurso ambiental, a produción de alimentos e a conservación dos ecosistemas”.

A SECS é unha entidade científica sen ánimo de lucro fundada en 1947 no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Os seus principais obxectivos son promover o estudo, o coñecemento, a investigación e a protección do solo e difundir, desde unha perspectiva científica, o papel que xoga na sociedade a través dos servizos ecosistémicos que desempeña (como a produción de alimentos e materias primas, protección dos ecosistemas e da herdanza arqueolóxica e paleontolóxica), ademais de ser soporte físico para as actividades humanas.

A súa nova directiva está composta, ademais de por Daniel Arenas na secretaría xeral, por Irene Ortiz (Universidad de Granada) como presidenta; Raúl Zornoza (Universidad Politécnica de Cartagena) como vicepresidente e Antonio Girona (CSIC-Universidad de Oviedo) como tesoureiro. Sobre este equipo, o investigador da UVigo amosa a súa satisfacción por formar parte dunha nova directiva na que por primeira vez na súa historia a Sociedad Española de la Ciencia del Suelo estará presidida por unha muller. Sobre a súa elección, expresa o seu agradecemento á nova presidenta e ao resto da xunta directiva pola confianza depositada. “Espero poder contribuír ao seu fortalecemento e á difusión do papel estratéxico que o solo desempeña na sociedade”, sinala.

Compromiso continuo

Desde o grupo de investigación Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) da Universidade de Vigo, así como desde o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) e o Campus Auga, comenta o investigador da UVigo, “levamos anos traballando nesta liña, participando activamente nas iniciativas da SECS e contribuíndo a xerar coñecemento científico que axude a afrontar os desafíos actuais relacionados coa degradación do solo e o seu uso sostible”. Polo tanto, este nomeamento, subliña, “tamén supón un recoñecemento ao noso compromiso continuo coa edafoloxía e coa comunidade científica”.

O solo, lembra o investigador, “é un compoñente fundamental na regulación do clima, dos ciclos bioxeoquímicos, na protección da biodiversidade e no mantemento da calidade da auga e do aire, ademais de ser a base da seguridade alimentaria e do desenvolvemento socioeconómico”. Con todo, engade, “segue sendo un recurso limitado e, en moitas ocasións, infravalorado, polo que é fundamental promover o seu coñecemento, a súa xestión responsable e a súa conservación”.