DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicepresidente da Comisión Europea impartirá este venres unha conferencia na Escuela Naval Militar

Josep Borrell inaugurará o ano académico da Cátedra Álvarez-Ossorio

O seu relatorio estará centrado na contribución de España á UE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 02/10/2024

Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell protagonizará este venres a conferencia de apertura do curso académico 2024/2025 da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escuela Naval Militar (ENM). La contribución de España a la Unión Europea y a esta como actor global é o título do relatorio que o exministro e expresidente do Parlamento Europeo impartirá este venres 4, ás 18.00 horas, no salón de actos da escola con sede en Marín. 

Enxeñeiro aeronáutico e economista, Borrell Fontelles foi profesor da Universidad Complutense de Madrid entre 1972 e 1982, para logo ocupar diferentes cargos de responsabilidade no Goberno de España. Tras exercer como secretario de Estado de Hacienda, en 1991 foi nomeado Ministro de Obras Públicas, Transporte, Telecomunicaciones y Medio Ambiente. Deputado no Congreso entre 1986 e 2003, Borrell foi posteriormente deputado no Parlamento Europeo, do que foi presidente entre 2004 e 2007. Tras exercer como presidente do Instituto Universitario Europeo de Florencia e como titular da Cátedra Jean Monnet de Integración Económica Europea da Complutense, en 2018 convertíase novamente en ministro, neste caso de Asuntos Exteriores, Unión Europea y Cooperación. Ao ano seguinte, deixaría esta carteira para retornar á política comunitaria, converténdose no Alto Representante da UE para Asuntos Exteriores e no vicepresidente da Comisión. 

Unha cátedra centrada na formación e divulgación

A participación de Borrell nesta cátedra “non só é unha grande honra, senón que representa unha oportunidade valiosa de difusión social e académica”, sinala a vicerreitora do campus e Pontevedra e membro do comité da cátedra, Eva María Lantarón, quen destaca a perspectiva e experiencia do conferenciante á hora de abordar cuestións como “a formulación de políticas europeas”. De aí que a vicerreitora poña de relevo o “o que significará á súa presencia” para botar a andar a programación no presente curso dunha cátedra impulsada en 1994 como órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, técnicos, humanísticos e de interese común entre a Universidade e a Armada.

Respecto desta programación, Lantarón sinala o obxectivo de “dar continuidade ás actividades que caracterizaron a nosa cátedra en anos anteriores, mantendo o enfoque na formación e difusión do coñecemento”. Ao mesmo tempo buscarase “ampliar o impacto” destas actividades, e promover “a participación activa”, tanto do profesorado e estudantado, como do conxunto da sociedade. Con esa idea, ao abeiro da Cátedra Álvarez-Ossorio impúlsanse cada curso diferentes conferencias e mesas de debate, mais tamén outras actividades como o Concerto de Nadal da Unidade de Música da ENM ou o Trofeo Ría de Pontevedra, regata na que compiten estudantes do campus e da escola con sede en Marín. 

Por outra banda, esta programación buscará no presente curso afondar nas contribucións de España en diferentes ámbitos, con actividades como o relatorio de Borrell e outra serie de encontros nos que “diferentes personalidades abordarán esta temática desde varias perspectivas, incluíndo a investigación científica, a política pública, o deporte e a práctica profesional”, adianta Lantarón. “Cremos que este enfoque non só é pertinente, senón tamén necesario nun contexto social onde os desafíos que se nos formulan son cada vez máis apremiantes”, conclúe.