Nun proxecto do Post-Growth Innovation Lab, financiado pola FECYT
Máis de 200 estudantes de cinco institutos investigan sobre os principais retos da Pontevedra da próxima década
Os resultados presentaranse na Conferencia Internacional de Decrecemento
A contaminación da auga, a perda do rural, o emprego en Pontevedra e a saúde mental. Estes son os catro casos de estudo nos que nestas semanas afondan preto de 230 estudantes de ESO e bacharelato de cinco institutos da localidade, participantes no proxecto de divulgación PostGrowth S.A. Pontevedra, que o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Dirixido a iniciar ao alumnado de bacharelato na investigación en ciencias sociais, trátase dun proxecto de ciencia cidadá, centrado nos “retos ecolóxicos e sociais que emerxen nas cidades do século XXI”, como sinalan os seus coordinadores. Orientado a facer partícipe o alumnado das diferentes fases dunha investigación, desde o seu deseño ata a presentación final, esta iniciativa tivo como punto de partida as propias propostas do estudantado, que debía identificar aqueles “retos que consideraban importantes en dez anos para a cidade de Pontevedra”.
Coordinado polo investigadores Brais Suárez e Cristina Míguez, PostGrowth S.A. conta coa participación dos institutos Luis Seoane, Valle Inclán, Sánchez Cantón e Frei Martín Sarmiento, así como do CPR Los Sauces e coa colaboración do Concello de Pontevedra. Os seus resultados finais serán presentados, polo propio alumnado na ESEE-Degrowth 2024, a Conferencia Internacional de Decrecemento que este grupo de investigación da UVigo organizará en Pontevedra entre o 18 e o 21 de xuño.
467 retos, catro casos de estudo
Coa participación de once grupos de traballo, o proxecto desenvólvese ao longo de todo o curso e arrancou cunha sesión centrada na detección de retos para o impulso dunha “transición ecolóxica xusta nas cidades”, levada a cabo nos diferentes centros. “En cada aula saíron retos que eles e elas consideraban importantes para a cidade de Pontevedra en dez anos”, explica Míguez. Reuníronse un total de 467 ideas, “moitas delas repetidas”, que foron analizadas e finalmente agrupadas en “oito categorías que albergaban todos os retos propostos” e das que saíron os catro casos de estudo nos que actualmente traballa o alumnado.
Así, tras unha segunda sesión, na que os responsables do proxecto buscaban familiarizar ao alumnado coas metodoloxías de investigación máis empregadas nas ciencias sociais, o terceiro encontro estivo centrado na preparación dos casos de estudo seleccionados. “Nesta sesión, explicámoslle como deberán realizar a investigación”, que se centrará fundamentalmente na realización “de entrevistas a diferentes perfís”, sinala Míguez dun traballo que mozos e mozas deben levar a cabo de forma autónoma, coa axuda do seu profesorado e a titorización do Post-Growth Innovation Lab.
Concretamente, a contaminación nas augas é a temática abordada polos tres grupos do IES Sánchez Cantón, mentres que a perda do rural é analizada por 49 estudantes de diferentes cursos do Luis Seoane. O Valle Inclán, que participa neste proxecto con cinco aulas, centra o seu traballo na saúde mental, mentres o emprego en Pontevedra é abordado tanto polo alumnado do Frei Martín Sarmiento como de Los Sauces. Nese senso, Míguez explica que aínda que o proxecto foi inicialmente concibido para bacharelato, á iniciativa sumouse tamén alumnado da ESO, o que fai que estudantes de diferentes idades traballen conxuntamente nos diferentes casos de estudo.
Presentación nun foro internacional
Nestas semanas, as e os estudantes remiten ao grupo as entrevistas realizadas, “así como outros datos de interese”, como fotografías ou documentos, co obxectivo de que sexan analizados e “obter respostas a preguntas clave que nos formulamos en cada caso”. Os resultados finais deste traballo conxunto serán presentados polos propios estudantes no Espazo Xove da ESEE-Degrowth 2024, dirixido precisamente a fomentar a participación dos centros educativos neste evento científico, no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento.
De xeito paralelo, todo este proceso de ciencia cidadá quedará rexistrado nun documental, elaborado coa colaboración do Concello, e que fará posible reproducir este proxecto noutras cidades.