Nun encontro co alumnado da Facultade de Comunicación
Manuel Rivas afonda no campus en como “o tempo de emerxencia” afecta tamén “á vida das palabras”
O escritor reflexionou sobre a crise climática e a “onda reaccionaria”
“Vivimos nun tempo de emerxencia, sobre todo no referido ao medio natural, e esa situación de emerxencia tamén se reflicte na linguaxe, na vida das palabras”, salientaba este xoves o escritor e xornalista Manuel Rivas nun encontro co alumnado da Facultade de Comunicación. Con motivo da publicación da súa última novela, Tras do ceo (Xerais), Rivas protagonizou un coloquio no que algunhas das temáticas que aborda a novela serviron como “punto de arrinque”, explicou, para unha conversa sobre cuestións “que nos atinxen moi directamente neste tempo que vivimos de emerxencia climática e de expansión dunha nova onda reaccionaria no mundo”.
Os profesores Benigno Fernández Salgado, Macarena Muradás e Ana Fernández Soneira foron os encargados de presentar e clausurar un encontro “cunha das máis importantes figuras da literatura galega actual”, cuxa obra foi traducida a 15 idiomas. Así o lembrou Muradás, quen realizou un breve percorrido pola traxectoria de Rivas como xornalista e escritor, faceta pola que acadou recoñecementos como o Premio Nacional de Narrativa ou o Premio Torrente Ballester, así como o nomeamento como doutor honoris causa pola Universidade da Coruña.
“Unha linguaxe que non agarda resposta”
“A literatura serve para sentir, mais tamén serve para pensar”, salientou Rivas ao inicio dun encontro no que buscaba xerar unha conversa co alumnado arredor dalgunhas das cuestións “que ten como transfondo” a novela que nestas semanas está a presentar en múltiples puntos de Galicia. “No libro, unha cuestión central é o poder e como se entrelazan os poderes, o poder despótico, o poder depredador...”, apuntaba o escritor, quen partindo deste marco, lembrou ao alumnado da Facultade de Comunicación que “a ferramenta máis importante do escritor e do xornalista é a escoita”. Nese senso, explicaba que un dos seus propósitos nesta conversa era precisamente escoitar o alumnado e tamén tratar de “introducir unha certa perturbación”, promovendo unha reflexión sobre a linguaxe, “sobre o que ocorre coa linguaxe nos procesos de comunicación”.
Neste punto, Rivas buscou conectar as ideas da crise ambiental e da “expansión da onda reaccionaria”, incidindo en “como un proceso de comunicación pode realmente transformarse nun proceso de dominación, nun proceso de desinformación”. A linguaxe, ao igual que a natureza, “tamén sofre depredación, tamén sofre intoxicación”, subliñou o conferenciante, quen alertou de que “se algo caracteriza o poder, sobre todo o poder autoritario, é xustamente a utilización que fai da linguaxe”. Trátase, denunciou, “dunha linguaxe que non agarda resposta, e menos unha crítica”, o que levouno a subliñar a necesidade de que “as palabras recuperen o sentido do que foron espoliadas” e a pór o foco na “utilización propagandística da linguaxe para o control das mentes”, trazando un paralelismo entre a situación de emerxencia climática e "a perda de sentido das palabras".