Tras exercer como decano comisario desde 2019, durante o proceso de creación da facultade
Marcos Dopico convértese no primeiro decano de Deseño
Co apoio unánime dos participantes na votación
Tras exercer desde 2019 como decano comisario, no proceso de creación do centro, o profesor Marcos Dopico foi elixido este venres primeiro decano da Facultade de Deseño, nunha votación na que a candidatura que encabezaba recibiu o apoio dos sete representantes do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e alumnado que integrarán a xunta do centro. Profesor titular do Departamento de Debuxo, Dopico Castro encabezaba a única candidatura que concorreu a este proceso electoral, que completan as docentes Cristina Varela, como videcana, e Patricia Dopico Rodríguez, como secretaria académica.
Coa posta en marcha, o pasado mes de setembro, do Grao en Deseño, iniciaba tamén a súa andaina, no edificio da Xunta en Benito Corbal, esta facultade, cuxa creación fora aprobada polo Goberno galego en 2022 e á que se adscribe tamén o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. O feito de tratarse dun centro de nova creación, lembra Dopico, provocou tamén que “o proceso de eleccións a decanato” fose tamén “algo máis longo”, xa que obrigou a impulsar tamén o procedemento de elección dos representantes do profesorado con vinculación non permanente, persoal de administración e servizos e alumnado que formarán parte da Xunta de Facultade. Sumados ao persoal docente con vinculación permanente, finalmente foron sete as persoas chamadas á votar nesta xornada e todas elas deron o seu apoio á candidatura encabezada por Dopico. “Cando se fixo todo o traballo de creación do centro e do novo grao, comprometémonos co proxecto”, recoñece respecto súa continuidade á fronte de Deseño, que ve “como unha maneira de devolver a confianza que puxo a Universidade en min para o proceso”. Non obstante, lembra, esta foi tamén “unha decisión consensuada” dun equipo do que destaca a súa coincidencia no referido “a cara onde queremos levar a facultade nestes primeiros pasos”.
Retos inmediatos e retos a longo prazo
“A verdade é que é un traballo moi intenso, pero ao mesmo tempo é moi emocionante participar dun proxecto que ves nacer e medrar”, salienta Dopico, transcorrida xa boa parte do primeiro curso da facultade e do grao. “En xeral, o alumnado transmítenos a súa ilusión e iso tamén motiva moito”, engade o decano, que lembra o “bo comportamento de matrícula” co que arrancou a titulación, que ve como “a constatación de que este proxecto tiña todo o sentido dentro do Campus Crea”. Ao mesmo tempo, admite que estes foron meses no que houbo que facer fronte aos “lóxicos problemas de descoordinación que xorden nun centro de nova creación”, o que lévao a sinalar entre os obxectivos “máis inmediatos” desta nova etapa, “normalizar a situación da facultade dentro do campus e da Universidade”. Nese senso, apunta a procesos como a posta en marcha da Xunta de Facultade e das diferentes comisións, a implicación nas actividades no campus ou a participación do alumnado en programas de mobilidade, pero tamén os traballos que é preciso acometer para recibir o vindeiro curso unha nova promoción de alumnado, que precisará “de máis espazos e novos medios e instalacións”.
Outro dos retos inmediatos, “pero que tamén é a longo prazo”, sería a incorporación “de novos docentes e investigadores vencellados ao ámbito do deseño”, subliña. Finalmente, mirando tamén a longo prazo, Dopico incide en que “existe un obxectivo prioritario, a creación dun edificio e dunhas instalacións propias para a facultade, que permita o seu crecemento e o do campus nas vindeiras décadas, algo que require da participación e o compromiso da Universidade, a Xunta e o Concello”. Polo de agora, lembra, o alumnado do grao “compartirá provisionalmente espazos de traballo” con Belas Artes o vindeiro curso, “algo que xa está acontecendo agora”.