DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ex-presidenta do Tribunal Constitucional será a 30ª personalidade en recibir esta distinción

María Emilia Casas será investida como doutora honoris causa da UVigo o 18 de outubro

O acto terá lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/10/2024

A investidura da ex-presidenta do Tribunal Constitucional María Emilia Casas como doutora honoris causa pola Universidade de Vigo terá lugar o vindeiro venres, 18 de outubro. No acto, que se desenvolverá no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a partir das 12.00 horas, Casas converterase na trixésima personalidade que acada este recoñecemento por parte da institución académica viguesa.

Primeira muller catedrática na área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social en España, o seu nomeamento como honoris causa foi aprobado polo Consello de Goberno da UVigo no pasado mes de maio impulsado pola Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Na defensa da súa proposta faise fincapé en que é “unha das xuristas vivas que máis pegada tiveron na conformación do noso modelo de Estado Social e Democrático de Dereito. É unha persoa comprometida coa democracia e cos dereitos fundamentais. A súa militancia na non discriminación por sexo e xénero quizais sexa a máis coñecida. Alén diso, e tamén das moi importantes maxistraturas que exerceu e exerce, é comunmente aceptada como o persoeiro máis referencial en España na rama social do Dereito”. 

Tamén destacan as e os impulsores deste nomeamento que, a pesar de desenvolver a súa carreira lonxe de Galicia, Casas non esqueceu as súas orixes e segue “intensamente comprometida coa nosa realidade”. Este compromiso valeulle a concesión da Medalla de Ouro de Galicia no ano 2008 ou o premio Fernández Latorre no ano 2017, ademais de ser nomeada ‘Galega do Ano’ polo Grupo Correo Gallego no 2011. Con anterioridade xa foi nomeada doutora honoris causa polas universidades Carlos III, Las Palmas de Gran Canaria, Santiago de Compostela e Málaga.

Colaborando coa UVigo dende 1995

Casas ten unha longa relación coas tres universidades galegas en comisións de selección de prazas de profesado, na docencia en diversos cursos de posgrao e doutoramento, en seminarios e congresos organizados polas áreas de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. No caso da Universidade de Vigo a relación remóntase ao ano 1995, cando visitou a institución para clausurar un curso. Dende ese intre, asistiu a múltiples actividades, entre elas a sesión de clausura do Curso de negociación colectiva e individual, que en outono de 2023 acadou a súa sexta edición.

Por outra banda, tamén mantén unha “implicación constante co Consello Galego de Relacións Laborais”. En concreto, foi a redactora principal do I Acordo Galego de Solución Extraxudicial de Conflitos, asinado no ano 1992 polas organizacións sindicais UGT, CIG e CCOO e pola confederación empresarial CEG. Tamén destacan as súas achegas ao ámbito laboral e da Seguridade Social en múltiples eidos, como a negociación colectiva e a liberdade sindical, a non discriminación por razón de sexo, as políticas sociais da Unión Europea, Seguridade Social agraria e, especialmente, no relativo á protección de dereitos fundamentais no eido laboral.