DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras doce xornadas, as actividades remataron este xoves en Ciencias Económicas e Empresariais

Un milleiro de estudantes participaron nas últimas semanas nos Xogos de Emprego

O obxectivo era que o alumando se familiarizase con competencias clave para a o seu futuro laboral

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 03/10/2024

Dende que arrancaron o pasado 16 de setembro, polos Xogos de Emprego da Universidade de Vigo pasaron máis de 1000 estudantes nos tres campus. Esta iniciativa impulsada pola Área de Emprego e Emprendemento desenvolveuse ao longo de 12 xornadas nas diferentes escolas e facultades e propoñía ao alumnado participar nunha serie de probas lúdicas e dinámicas coas que “gañar conciencia de certas competencias que van ser importantes de cara a súa inclusión no mercado laboral”, como a necesidade de fixarse metas ou “a importancia da marca persoal”, como destaca a responsable da área, Maruxa Álvarez.

Tiro con arco, deseño dunha chapa, bolos, ruleta da fortuna e unha oca do emprego foron algunhas das probas propostas que axudaban ao mozos e mozas a coñecer o seu perfil de habilidades e como poden axudarlles a melloralas dende a Área de Emprego e Emprendemento da UVigo. Ademais, as e os participantes entraban no sorteo dun voo en parapente, cuxos gañadores en cada campus se coñeceron este mesmo mediodía, no acto de peche desta iniciativa, no que participou a vicerreitora de Estudantando e Empregabilidade, Natalia Caparrini, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

“O que queremos con este tipo de iniciativas”, explica Maruxa Álvarez, é que “gañen consciencia das súas habilidades e das competencias que quizás teñan que potenciar para que, cando terminen os seus estudos, o seu acceso a un posto de traballo sexa máis acorde ao seu perfil e preferencias”. Ademais, este tipo de eventos, engade, serven para que “coñezan todos os servizos que se lles ofrecen dende a Área de Emprego para que poidan sacar maior rendemento das súas competencias, adquiran novas ferramentas, se formen en habilidades específicas e se informen sobre saídas profesionais”.

EMPREGOinCAMPUS, no campus de Vigo o 6 de febreiro

Para completar esta actividade, que se encadra dentro do programa Pasaporte de Empregabilidade da UVigo, o vindeiro 6 de febreiro celebrarase no campus de Vigo unha nova edición de “EMPREGOinCAMPUS”, unha feira na que “como cada ano contaremos con importantes empresas que porán en valor as túas competencias ofrecéndote unha oportunidade para que te incorpores aos seus equipes de traballo”. Esta feira desenvolverase máis adiante no campus de Ourense.