As persoas interesadas pode concorrer ata o 25 de abril
Nova edición do Premio Xosé Luis Franco na procura dos mellores traballos de investigación xurídica en lingua galega
Á pasada edición presentáronse unha vintena de propostas
O Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco, impulsado pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, convoca a súa cuarta edición. Este galardón busca fomentar o uso da lingua galega no eido xurídico e poñer en valor os traballos de investigación realizados neste eido do coñecemento que aposten polo uso da lingua propia.
O certame comprende dúas modalidades, unha para o estudantado de calquera grao ou mestrado matriculado no sistema universitario de Galicia e do Estado e outra específica para alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, nos graos en Dereito, PCEO ADE-Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, e nos mestrados en Avogacía, Menores en situación de desprotección e conflito, e Dirección e Xestión Laboral.
A esta convocatoria poderá concorrer calquera persoa que estivese matriculada entre os cursos 2022/2023, 2023/2024 e 2024/2025 nunha titulación de calquera das universidades do Estado, na modalidade A e nos mesmos cursos, pero na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo, na modalidade B. Os traballos deberán realizarse de xeito individual e só se poderá presentar un traballo por persoa. Os premios estarán dotados con 500 euros para cada modalidade e un diploma acreditativo.
Ata o 25 de abril
As persoas interesadas en participar neste certame teñen ata o vindeiro 25 de abril -data ampliada- para presentar os seus traballos, que deberán ser orixinais e estar redactados en lingua galega e poderán tratar de calquera tema do ámbito do xurídico nas súas diferentes formas. As bases recollen como requisitos formais que os traballos teñen que entregarse en formato pdf e a súa extensión deberá abranguer entre as 20 e 40 páxinas escritas en letra 12 Times New Roman ou similar, interliñado sinxelo e cos requisitos propios dun traballo de investigación.
As propostas deben enviarse ao correo electrónico decanatoxuridicas@uvigo.gal indicando no asunto ‘Premio de Investigación Xurídica en lingua galega’ e achegar dous arquivos: un co traballo de investigación e outro cos datos persoais.
A resolución, no mes de maio
Unha vez recibidas toda as propostas, un xurado integrado polo decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o coordinador de Normalización Lingüística do centro e tres membros do persoal da facultade, encargarase da avaliación. Para facelo terán en conta a calidade investigadora, o interese do tema a tratar, o enfoque empregado e a corrección lingüística do mesmo.
Os gañadores daranse a coñecer no acto de celebración do Día das letras galegas ao longo do mes de maio de 2025. O xurado poderá declarar deserta calquera das modalidades do premio se os traballos presentados non alcanzan a calidade necesaria nos indicadores sinalados anteriormente.
Unha vintena de traballos presentados na pasada edición
Na pasada edición destes premios presentáronse preto dunha vintena de traballos, entre os que o xurado seleccionou os catro gañadores. Na modalidade B, para alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o xurado optou por entregar o premio ex aequo a Raquel Crespo, estudante do Mestrado da Abogacía da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e a Lucía Díaz, do grao en Dereito. Crespo gañou co seu traballo A medida de seguridade de liberdade vixiada postpenitenciaria: unha análise dende o garantismo, mentres que Díaz, presentou unha análise xurídica da vertedura de “pellets” na costa galega en decembro de 2023.
Na modalidade A, para alumnado de calquera outra universidade do Estado, o xurado decidiu tamén entregar o premio ex aequo a Diego Suárez, da Universidade da Coruña e Candela Fernández, da USC. O primeiro presentou un traballo sobre a ocupación de inmobles na xurisdición española, mentres que a segunda optou por unha texto sobre os usos da intelixencia artificial no dereito español.