DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizados por persoal e alumnado da Universidade de Vigo

Once traballos de investigación e transferencia acadan os VI Premios Campus Auga

Están dotados cun total de 9000 euros a través de convenios coa Xunta e Viaqua

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 14/11/2024

Os VI Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga xa teñen gañadores. Nesta edición, son once os traballos realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo galardoados. Neles abórdase, en diferentes formatos, temas de alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión de recursos hídricos.

Estes galardóns están convocados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados a través do convenio de colaboración que ten asinado a Universidade de Vigo coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para financiar o Campus Auga e do convenio que ten coa empresa Viaqua Xestión Integral de Augas de Galicia SAU. Dotados cun orzamento total de case 9000 euros, os premios teñen como obxectivo recoñecer e estimular os esforzos das e dos investigadores que contribúan a desenvolver a especialización do campus de Ourense, o chamado Campus Auga. Contan con diferentes modalidades, abranguendo traballos fin de estudos, teses, contribucións científicas, transferencia e divulgación. En cada modalidade outórgase un premio por cada unha das liñas de traballo do Campus Auga, que son alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga.

Traballos fin de estudos e teses

No caso de traballos fin de grao e mestrado nesta edición son catro as propostas premiadas. Hai galardoado un traballo fin de mestrado centrado na avaliación do efecto do funxicida tetraconazol sobre o lévedo Saccharomyces cerevisiae EC1118™ mediante unha aproximación metabolómica, realizado por Laura Gallego e titorizado por Raúl Iglesias e Elena Martínez. Tamén está premiado un traballo fin de grao sobre a síntese, caracterización e aplicación de biochar e hydrochar como catalizadores na produción de hidróxeno, realizado por María Bolaños e titorizado por Aida María Díez e Marta María Pazos, e outro sobre as proxeccións futuras de caudais extremos nas principais cidades da conca do Miño-Sil, feito por Sabrina Hernández e titorizado por Diego Fernández e María Teresa de Castro. Por último, outórgase un accésit ao TFG Claro coma a auga: unha nova vida para os residuos agroindustriais destinada á descontaminación de fármacos en augas residuais mediante adsorción e posterior degradación dos contaminantes, de Verónica Laíño e titorizado por Aída María Díez e Marta María Pazos.

Polo que respecta á modalidade de teses de doutoramento concédense dous galardóns: un a Impacto das tetraciclinas sobre as comunidades microbianas de solos agrícolas, de Vanesa Santas e dirixida por Manuel Arias e David Fernández Calviño, e outro a Modelos territoriais de aproveitamento dos recursos termais en Europa, tese de José Ángel Vázquez Barquero e dirixida por Santiago Lago e Pedro Araújo.

Contribucións científicas e transferencia

Os VI Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga tamén distinguen as mellores contribucións científicas, concretamente a varios artigos publicados en revistas destacadas. Trátase de Metal and metalloid profile as a fingerprint for traceability of wines under any Galician protected designation of origin, de Cecilia Araceli Martínez, Gonzalo Astray, Juan Carlos Mejuto e Jesús Simal; e Projected changes in atmospheric moisture transport contributions associated with climate warming in the North Atlantic, de José Carlos Fernández, Albenis Pérez, Jorge Eiras, Raquel Nieto, Luis Gimeno e Stefan Rahimi-Esfarjani. Ademais, concédese un accésit a Use of Three Different Nanoparticles to Reduce Cd Availability in Soils: Effects on Germination and Early Growth of Sinapis alba L., de Rocío González, Andrés Rodríguez, David Fernández, Manuel Arias e Daniel Arenas.

Polo que respecta aos premios aos mellores resultados de transferencia dúas son as propostas distinguidas: os proxectos Bioprocesado de insectos para a obtención de novas proteínas de alto valor nutritivo, participado por José Manuel Salgado e José Manuel Domínguez, e VitiCast: solucións innovadoras para predición de enfermidades fúnxicas en vide, participado por María Fernández e Francisco Javier Rodríguez. A modalidade de divulgación quedou deserta.