DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns entregáronse este martes no campus

Os Premios José Manuel Pérez Canal distinguen cinco traballos fin de grao de Ciencias Empresariais e Turismo

Gañaron estudos sobre a promoción turística do Camiño en series e sobre o destino Ourense Termal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 10/12/2024

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este martes o acto de entrega dos seus Premios TFG José Manuel Pérez Canal, nos que se distinguen os mellores traballos fin de grao do alumnado dos diferentes graos que se imparten neste centro. Os primeiros premios foron para estudos sobre a avaliación da rendibilidade social do destino Ourense Termal e sobre a promoción turística do Camiño de Santiago en series de televisión.

O acto de entrega contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional; Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense; Carmen Lence, socia e CEO do Grupo Lence, e Pilar García, responsable de Recursos Humanos do Grupo Hotusa. Nas súas intervencións, destacaron como estes galardóns recoñecen o esforzo e o talento do estudantado e tiveron palabras de lembranza para José Manuel Pérez Canal, cuxa familia estaba presente.

Premios en Administración e Dirección de Empresas

Nesta XII edición dos premios houbo dúas categorías. No caso do Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) o primeiro premio foi para o traballo Desenvolvemento e validación dunha ferramenta para a avaliación da rendibilidade social en proxectos turísticos: aplicación ao destino Ourense Termal, realizado por Iago Barreiro e Santiago Pérez coa titorización do profesor Diego Rodríguez-Toubes. A súa proposta céntrase no desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a avaliación da rendibilidade social de proxectos de investimento en turismo. “A ferramenta (TRL5), deseñouse para integrar e cuantificar un conxunto de variables relevantes, considerando os impactos económicos, sociais, culturais e ambientais das actividades turísticas”, sinalan os seus creadores.

Tamén se concedeu  un accésit ao TFG O acceso aos servizos bancarios na provincia de Ourense, do alumno do PCEO Grao en ADE e Dereito Miguel Nogueiras e titorizado por Andrés Mazaira. Nel analízase a situación que experimentan os servizos bancarios en Ourense tras a redución de sucursais. Esta provincia, recóllese no estudo, “foi unha das máis afectadas polo peche de sucursais, o que xerou desafíos de accesibilidade bancaria, especialmente en municipios rurais”. Ademais, engádese nel, “a dixitalización transformou as transaccións bancarias, reflectindo un cambio no comportamento financeiro dos consumidores, aínda que tamén expuxo retos de inclusión financeira”. Outro accésit foi para o traballo Estratexias de dixitalización no sector da moda, de Sergio Martínez e titorizado por Diego Rodríguez-Toubes. Neste caso explórase “a profunda transformación que a dixitalización xerou na industria da moda desde un enfoque empresarial”, apuntándose como certas tecnoloxías, como a impresión 3D, o Big Data e o blockchain, están a transformar o sector, e como estas tecnoloxías “deben ser utilizadas para resolver desafíos cruciais, tales como a sostibilidade e a ética empresarial”.

Premios en Turismo

Na modalidade do Grao en Turismo o primeiro premio foi para o TFG A promoción turística de Galicia en series de televisión: narrativas de intriga e Camiño de Santiago como reclamo, da egresada Sara Rial e titorizado por José Antonio Fraiz. Nel abórdase o poder das series de televisión no ámbito da promoción turística e a súa capacidade para potenciar o atractivo de destinos turísticos específicos. Concretamente, analízase a serie 3 Camiños “como un caso de estudo para comprender como as series de televisión contribúen de maneira significativa á promoción turística de Galicia”.

Igualmente concedeuse un accésit ao traballo O potencial do oleoturismo en Galicia, do alumno do PCEO Turismo e Historia Miguel Peña, titorizado por María Xosé Vázquez. Neste estudo sinálase que a “a demanda oleoturística galega caracterízase por nutrirse esencialmente do turismo interno galego” e que “o escaso número de persoas que realizaron oleoturismo en Galicia segundo a investigación realizada e a escasa asociación de Galicia como unha rexión produtora de aceite ocasiona que a demanda oleoturística galega aínda esta nunha fase inicial”.

Conferencia do Grupo Lence

Antes da entrega de premios, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo tamén acolleu este martes a conferencia Relevo xeracional e cambio organizativo, ofrecida por Carmen Lence, socia e CEO do Grupo Lence, grupo propietario das marcas Río de Galicia, Leyma Natura, Solar, Cremosita e Gallega. O acto, organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, estivo presento por Elena Rivo, directora desta cátedra e profesora da UVigo. Na súa intervención a relatora explicou ao alumnado presente desde o persoal e o profesional a súa traxectoria e a do grupo que agora dirixe, facendo fincapé nas oportunidades pero tamén nas dificultades que supón pertencer a unha empresa familiar.