DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo global, con participación da UVigo, sobre os efectos deste cultivo

As plantacións de eucalipto non se poden considerar “desertos verdes”, pero os seus impactos na biodiversidade son múltiples

O traballo establece que “nunca serán un substituto completo da vexetación autóctona”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 31/03/2025

Aínda que as plantacións de eucaliptos adoitan albergar comunidades de vida salvaxe pobres en riqueza e cunha composición alterada, non se poden considerar "desertos verdes", xa que existen especies que poden coexistir e prosperar nestes hábitats. Así se conclúe nun estudo publicado este luns na revista Biological Reviews e que recolle os resultados dun traballo levado a cabo por un equipo internacional do que formou parte o científico da Universidade de Vigo, Guillermo Velo Antón, membro do grupo de investigación en Ecoloxía Evolutiva e da Conservación (EcoEvo), xunto con investigadores e investigadoras de Brasil, Australia, Finlandia e Honduras.

Conscientes de que as plantacións de eucalipto en áreas non autóctonas a miúdo son asociadas con reducións da biodiversidade das comunidades locais e supoñen sempre novos desafíos para a fauna autóctona, o equipo investigador decidiu pór en marcha este traballo co obxectivo de poder ter un mellor coñecemento do impacto deste especie. “Realizamos unha revisión sobre as respostas ecolóxicas e evolutivas da vida salvaxe fronte a este tipo de plantación”, salienta o investigador, ao tempo que explica que se revisaron todos os estudos publicados ata a data sobre este tema, “máis dun cento de traballos cos que se xeraron as imaxes e resumimos os datos, aínda que foron moitos máis os revisados”.

“O mantemento das grandes masas de vexetación nativa é vital”

Liderado pola investigadora española Maider Iglesias Carrasco, agora na Universidade de Copenage, o traballo determina que  as plantacións de eucaliptos nunca serán un substituto completo da vexetación autóctona, polo que “o mantemento das grandes masas de vexetación nativa é vital para a conservación e saúde das comunidades de fauna”.

Segundo establecen os autores do artigo, as plantacións de eucalipto poden impulsar a homoxeneización funcional,  contribuíndo á perda de especies ameazadas e endémicas. “Os ambientes antrópicos tenden a homoxeneizar os sistemas, e no caso das plantacións de eucaliptos isto é moi claro. Moitas especies non conseguen adaptarse, pero as que si o fan tenden a ser as mesmas independentemente do lugar da plantación”, explica o investigdor do grupo EcoEvo.

Unha ameaza para as especies endémicas máis sensibles 

O artigo pon tamén de manifesto que as plantacións de eucalipto poden provocar un rendemento subóptimo dos individuos das especies máis sensibles  nestes ambientes, o  que, probablemente, provocará un rápido descenso destas poboacións nun curto período de tempo, “e, polo tanto, non garanten o seu éxito nestes hábitats”, subliña o investigador, ao que engade que pode haber afectación a nivel reprodutivo, de tamaño corporal, etc. 

Cambios a nivel individual e comunitario

Entre as principais consecuencias para a vida salvaxe destas plantacións os autores do estudo inclúen cambios a nivel individual e comunitario debido a comunicación perturbada e cambios na dispoñibilidade de nichos;  na alimentación, a anidación e o uso do hábitat; no comportamento e fisioloxía;  na conduta alimentaria, aumento do estrés e alteración da fisioloxía; nas comunidades microbianas que poden producir alteracións na dinámica dos patóxenos e nas interaccións das especies, así como tamén hidrolóxicos, que poden reducir o hábitat adecuado para especies con baixa tolerancia á desecación.

Por outra banda, os resultados do artigo deixan constancia que existe un maior esforzo na investigación dos efectos das plantacións de eucaliptos sobre os vertebrados en comparación coas comunidades de invertebrados, especialmente para os mamíferos e paxaros. Do mesmo xeito tamén se fai fincapé en que a perda de diversidade e riqueza de comunidades neste tipo de plantacións é a esperada cando se elimina ou se transforma a vexetación autóctona, pero non cando son realizadas en terreo xa degradado. 

Unha especie presente en máis dun cento de países

Na revisión amósase que as plantacións de eucalipto están presentes en 107 países fóra da súa área de distribución nativa, sendo Brasil o país onde atoparon máis traballos científicos sobre o tema, e habendo poucos ou ningún traballo na maioría dos países, o que constata a falta de estudos sobre o impacto dos eucaliptos a nivel global. “Este traballo resume as principais respostas da fauna salvaxe a nivel individual, comunitario e do ecosistema, destacando tamén lagoas críticas de investigación”, explica Velo.