Nun relatorio este martes na que foi a súa facultade ata a xubilación, Filoloxía e Tradución
A profesora Carmen Becerra reivindica a Torrente Ballester, “un dos máis importantes escritores en lingua castelá do século XX”
Destaca a calidade da súa prosa, o carácter innovador da súa escritura, o humor, a ironía...
Yo soy el hombre del que todos se olvidan, dicía de si mesmo Gonzalo Torrente Ballester. E en opinión da profesora Carmen Becerra así foi, a pesar de ser un dos máis importantes escritores en lingua castelá do século XX. A docente leva boa parte da súa traxectoria académica e investigadora centrada en poñer en valor a obra do escritor ferrolán, converténdose nunha das maiores expertas internacionais na obra de Torrente Ballester. Uns meses despois da súa xubilación, Becerra regresou este martes ao que foi o seu centro durante anos, a Facultade de Filoloxía e Tradución, para impartir un relatorio sobre este “creador esquecido” coincidindo coa conmemoración do vixésimo quinto aniversario do seu falecemento.
Baixo o título Reivindicación de un creador olvidado, Becerra reflexionou sobre os diferentes motivos polos que o escritor non conseguiu o recoñecemento que segundo ela merece. “Por razóns de moi diversa índole, léuselle moi pouco”, apenas se inclúe nas guías docentes e en xeral, “a xente coñeceuno pola famosa serie de TVE Los gozos y las sombras, pero poucos leron a triloxía que a serie adapta”. Por outra parte, engade, “é un autor moi galego, Galicia está por todas partes na súa obra” pero o feito de que nunca escribise en galego xunto co seu pasado falanxista foron determinantes para que fose deixado de lado. Pero para Becerra a obra de Torrente debe ser recoñecida pola “calidade da súa prosa, o carácter innovador da súa escritura, o humor, a ironía, o ludismo, a presenza da Historia, a súa portentosa imaxinación...” Por todos estes motivos, e outros moitos, considera a profesora que o escritor ferrolán merece ser lido, ser posto en valor e ser recoñecido como o que é, un dos mellores en lingua española do século XX.
De Serantes a Salamanca
Para poñer en valor a súa figura e a súa creación, Becerra artellou o seu relatorio arredor das principais etapas da vida o escritor para amosar “non só as súas diferentes facetas creativas, senón para explicar en que momento foron xurdindo cada una delas e por que, amosando así como a relación cos demais, o coñecemento doutras liñas de traballo e doutras artes pode modificar a maneira de plasmar unha obra literaria”.
Becerra comezou polos primeiros anos de vida de Torrente, que transcorreron entre a casa dos seus pais en Ferrol e a da súa avoa na aldea de Serantes. “Este neno viviu entre dous mundos completamente distintos”, destacaba, Serantes marcado polas lendas e supersticións de Galicia e Ferrol, “cidade de mariños, lóxica e racional”. Eses dous mundos, engadía a docente, “forman parte de maneira estrutural da obra de Torrente, é un realismo máxico”. Partindo dese intre, Becerra foi recorrendo a vida de Torrente arredor de cinco fases principais, “unha travesía ao longo da súa vida, un continuo de dor e de alegría, de éxitos e de fracasos” ata o seu falecemento en Salamanca en 1999.
Exposición que recolle un itinerario vital
O amplo coñecemento que ten Carmen Becerra sobre a figura e obra de Gonzalo Torrente Ballester levouna a comisariar, xunto co académico da Real Academia Española Darío Villanueva, a mostra Gonzalo Torrente Ballester, la travesía de un creador (en el vigésimo quinto aniversario de su fallecimiento) que se pode visitar na Biblioteca Nacional de España ata o 12 de xaneiro de 2025.
Esta mostra amosa, como ela fixo no relatorio, “o itinerario vital e creativo do autor, vinculando cada unha das facetas creativas que despregou a un espazo dos moitos e moi diferentes lugares polos que transcorreu a súa vida”. Tras un mes dende o acto de apertura, Becerra valora moi positivamente a acollida que está a ter. “Está sendo magnífica, non só pola súa notable repercusión en diferentes medios de comunicación, senón polo número de visitantes que se achegan a vela”.
Precisamente, para Becerra a preparación desta exposición coincidiu no tempo coa súa xubilación, e esta ocupación, recoñece, impediulle ser consciente de que xa está xubilada. Lembraba no relatorio como o derradeiro día de traballo, tras rematar a últimas das clases e mentres recollía todo sentiu “unha enorme vertixe”, pero actividades coma esta e a posibilidade de impartir clases no Programa para Maiores seguen manténdoa en contacto coa formación. “Son unha namorada da docencia e tiven a sorte de dedicar a miña vida a unha das miñas paixóns, polo tanto, nunca deixarei de sentir nostalxia das aulas”.
Unha homenaxe a unha gran docente e compañeira
A conferencia deste martes serviu tamén como homenaxe a Becerra Suárez por parte dos seus compañeiros e compañeiras durante anos, que lle dedicaron unhas agarimosas palabras e a convidaron a seguir achegando o seu coñecemento ás novas xeracións a través visitas coma esta. Como lembraba Antonio Chas, director do Departamento de Literatura española e teoría da literatura, Becerra foi unha firme defensora da área á que pertencía, a de Teoría da Literatura e despregou unha incansable dedicación á organización de “congresos e xornadas de literatura comparada, de literatura e cine que foron o xermolo de proxectos e empresas que levou sempre coa xenerosidade que nela é característica”. Coordinou varios proxectos autonómicos e nacionais e dirixiu un bo número de teses sobre a figura de Torrente e creou a primeira e única revista de investigación centrada na obra literaria de Torrente, La tabla redonda: anuario de estudios torrentinos. Chas tamén salientou que foi unha docente moi querida e valorada polo alumnado, “como se reflectía sempre nas enquisas de avaliación docente”, mentres que a súa compañeira de departamento Carmen Luna, a definía como “unha magnífica profesora, una magnífica amiga, cun grande espírito crítico, un piar para todos”.