DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de profesionais de diversos campos da acción socioeducativa

O Programa Barcal ofrecerá mentoría e orientación laboral ao alumnado de Educación e Traballo Social

As sesións terán lugar en maio e xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 03/04/2025

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acaba de pór en marcha o Programa Barcal. Mentoría e orientación laboral con figuras profesionais de educación e traballo social. A iniciativa porá en contacto a alumnado dos graos de Educación Social e Traballo Social con profesionais de diversos campos da acción socioeducativa co obxectivo de que o estudantando se aproxime á realidade profesional para a que se está formando.

Entre os obxectivos da iniciativa tamén están promover redes de apoio entre alumnado e comunidade profesional que faciliten o acceso ao mercado laboral; facilitar orientación laboral de cara a planificacion da carreira profesional; fomentar oportunidades de realización de prácticas en ámbitos pouco coñecidos na acción socioeducativa e establecer mecanismos de colaboración institucional coas organizacións e institucións empregadoras en educación e traballo social.

Sobre a relevancia e interese desta nova iniciativa, desde a facultade organizadora apuntan que a formación curricular do alumnado de Educación Social e de Traballo Social está orientada á acción profesional en ámbitos diversos que tratan de atender a toda a realidade social (persoas en situación de vulnerabilidade, violencia de xénero, infancia, diversidade funcional, saúde mental...). “Estes campos de intervención están en continúo cambio como resultado das constantes transformacións sociais e as organizacións e institucións están suxeitas a elevadas demandas de especialización e a continuas esixencias de actualización”, sinalan. Neste contexto, o centro destaca que “resulta imprescindible establecer dinámicas de colaboración coas organizacións para configurar unha oferta sólida e plural, que permita a formación en cada ámbito profesional e favoreza o desenvolvemento de carreiras profesionais adaptadas á realidade do mercado laboral”.

Tres sesións e 50 prazas

As figuras profesionais mentoras participantes no Programa Barcal terán recoñecida experiencia profesional mínima de cinco anos en ámbitos especializados como: infancia e adolescencia; familias; violencia de xénero; diversidade funcional; saúde mental; persoas maiores; migración; persoas privadas de liberdade; acción socioeducativa no ámbito escolar e acción social e deporte. O proceso de acompañamento terá a intención de permitir que o alumnado reflexione sobre a realidade laboral do seu sector, favorecendo un proceso de reflexión sobre as opcións posibles para o itinerario laboral do alumnado participante.

Mentoras e mentores e estudantado convivirán en tres xornadas nas que terán a oportunidade de participar en sesións de reflexión sobre a situación profesional en Galicia, así como en obradoiros de competencias básicas para o desempeño profesional e as posibilidades de emprego en cada ámbito especializado. Haberá tamén presentacións, dinámicas, test situacionais, titorías en grupo e titorías individuais. As sesións terán lugar nas tardes dos días 12 e 19 de maio e 2 de xuño, na Facultade de Educación e Traballo Social. Poderán participar no programa un máximo de 50 estudantes, 25 do Grao de Educación Social e 25 do Grao de Traballo Social, sendo requisito para poder participar ter superado o 50% dos créditos de formación de grao.