DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iniciándoos no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas

Un proxecto de innovación educativa amosa ao alumnado como empregar os sinais biolóxicos na preparación deportiva

Co obxectivo que poidan empregalas na súa práctica profesional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/01/2025

Coñecer as respostas biolóxicas á realización de determinados exercicios constitúe unha valiosa ferramenta para que as e os profesionais da preparación física e deportiva poidan optimizar as cargas de adestramento e coñecer os seus efectos. Partindo desta idea, un proxecto de innovación educativa desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte buscou achegar o alumnado ao uso de ferramentas tecnolóxicas que permiten definir “criterios rigorosos para a selección dos exercicios que compoñen os programas de adestramento físico-deportivo” a partir do biofeedback, os sinais biolóxicos cos que constatar, por exemplo, se a carga de traballo foi insuficiente ou excesiva ou si puido ter derivado nun dano muscular.

Coordinado polo tamén decano da facultade, Óscar García, este proxecto buscou familiarizar o alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte cunha serie de ferramentas tecnolóxicas que permiten a realización de tensiomiografías ou electromiografías de superficie, co obxectivo de que lles permitisen “comprender de maneira máis visual os indicadores de control da magnitude da carga de adestramento de forza reactiva”. Este tipo de probas, sinala García, “suporían un biofeedback dunha extraordinaria magnitude na comprensión da complexidade do movemento humano e do exercicio físico”, que as e os participantes poderán trasladar ao seu futuro labor profesional como preparadores físicos ou readaptadores físico-deportivos.

Seleccionado na convocatoria de innovación educativa impulsada pola facultade en 2024, no proxecto participaron tamén as investigadoras e investigadores Virginia Serrano, Tania Álvarez, Javier Carballo, Mario Iglesias, Alba Cuba, Jorge Viaño, José María Cancela e Elena Vila e completábase nas últimas semanas coa publicación dos resultados da avaliación das medidas metodolóxicas implantadas.  

Da mobilización de unidades motrices ao dano muscular

As diferentes sesións formativas leváronse a cabo no marco das titorías prácticas da materia Metodoloxía e Planificación do Adestramento Deportivo I, na que o alumado se forma no desenvolvemento das “capacidades condicionais co control da magnitude da carga de adestramento que recibe o deportista para garantir un determinado efecto”. Mediante o uso de diferentes ferramentas, o alumnado puido obter un biofeedback dos efectos de diferentes métodos de adestramento de forza. Con ese propósito, unha das actividades foi a realización de exercicios de pliometría con sensores nos diferentes músculos efectores, de tal forma que podían coñecer de xeito inmediato as “unidades motrices recrutadas en cada músculo monitorizado”. Como explica García, “ós músculos funcionan por transferencia de impulsos nerviosos, que van do sistema central ao periférico”, de tal xeito que “o obxectivo de moitos sistemas de adestramento é producir un maior recrutamento de unidades motrices, é dicir, unha maior velocidade e frecuencia de transmisión de impulso nervioso”. Do mesmo xeito, se o nivel de esixencia do programa deseñado é o adecuado, a fatiga fará que ao finalizar a sesión diminúan o número de motrices, de tal xeito que esta proba permite tamén coñecer se o “adestramento administrado foi o óptimo”. 

Con esa mesma idea, o estudantado puido coñecer tamén a “resposta antes e despois da fatiga” que se pode obter a través da tensiomiogafía, que permite analizar canto se contraen os músculos e a que velocidade. “A resposta esperable ante un traballo de adestramento ben planificado”, sinala García, sería un menor grao de desprazamento, xa que un aumento significaría que “fatigáchelo máis do que podía admitir”, sinalando unha carga de adestramento excesiva. Con esa mesma idea, outra das iniciativas do proxecto foi achegar o estudantado ao funcionamento dun analizador fotométrico co “calcular a cantidade de unidades de creatina quinasa por litro de sangue”, xa que se un programa de adestramento provocou un dano muscular, este reflectirase a través dunha maior presenza deste enzima no torrente sanguíneo.

Este achegamento a este tipo de probas e a outras como a medición da concentración de lactato viuse complementado por unha nova versión do caderno de prácticas de materia, que permitiu o alumnado elaborar o seu propio “perfil de rendemento en cada capacidade condicional estudada”, a través dos indicadores de biofeedback obtidos. Do mesmo xeito, o proxecto completouse coa realización dun cuestionario de avaliación, no que as e os estudantes outorgaron “unha elevada puntuación na súa valoración e importancia dos materiais elaborados”.