Con autoría de Francisco Xabier Aguiar, Evelia Murcia e Yolanda Rodríguez
Unha publicación analiza e reivindica a importancia dos valores e dereitos humanos no traballo social
Abórdanse como ferramentas clave para facer fronte ás desigualdades
Valores y derechos humanos en la investigación y la intervención del trabajo social. Este é o título dunha publicación realizada desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Nela reivindícase esta profesión e disciplina como clave para facer fronte ás desigualdades sociais e proponse un enfoque baseado en dereitos humanos e valores para a intervención social e para a análise e deseño de políticas sociais.
A publicación, editada por Tirant Humanidades, está asinada desde a citada facultade por Francisco Xabier Aguiar e Yolanda Rodríguez e desde a Universidade de Santiago de Compostela por Evelia Murcia, membros os tres da liña en Traballo Social do Grupo de Investigación en Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo. O traballo, indican, vincúlase á tese de doutoramento realizada por Evelia Murcia na Universidade de Vigo baixo a dirección de Francisco Xabier Aguiar e Yolanda Rodríguez. Está dirixido a profesionais, persoal investigador e profesorado e alumnado universitario, co desexo de que “a súa lectura contribúa a ampliar o coñecemento e o recoñecemento dos valores e os dereitos humanos no traballo social e ao desenvolvemento de ideas, investigacións e prácticas neste campo”. Con este cometido, ademais da súa edición en papel, o libro ofrécese na web da editorial en formato de acceso aberto de balde.
Sobre o obxectivo desta publicación, as autoras e autor sinalan que ao longo das súas páxinas “tentamos transmitir a importancia da lexitimación dos valores e os dereitos humanos como aspectos fundamentais para abordar os desafíos sociais actuais desde o traballo social, nun momento no que non caer na resignación e ter coraxe é tamén clave para saber encarar estes retos como oportunidades de transformación social e reafirmarnos como unha profesión non só do presente senón tamén do futuro”. O mundo, comentan, “está inmerso nun período moi tenso e turbulento que interpela ao traballo social a resituarse como unha profesión e disciplina académica clave para facer fronte ás insoportables desigualdades socioeconómicas e ao panorama multicrises global”. O equipo que elaborou a publicación explica que a tarefa de aprender a convivir en paz, igualdade e xustiza é o desafío máis antigo e fundamental da humanidade e desde o seu compromiso cos seus valores fundacionais e distintivos o traballo social está chamado a reforzar inexorablemente a súa responsabilidade pública neste labor.
Da teoría á práctica
Neste contexto, o libro “senta unhas bases teóricas sólidas para o estudo e a comprensión do construto de valores persoais e humanos desde o cal se profunda na análise dos dereitos humanos como principios inquebrantables”. Ante a pregunta “de que modo podemos transformar a nosa praxe para velar polo seu cumprimento e defensa”, as autoras e autor propoñen o enfoque baseado en dereitos humanos como marco para a intervención social e como ferramenta para a análise e o deseño de políticas. “Os dereitos humanos definen uns estándares de vida digna que se asumen como fundamentais para todas as persoas independentemente das súas características persoais, sociais e culturais. É preciso seguir loitando para que os dereitos humanos cobren vida fóra do papel e das concepcións teóricas, é dicir, loitar para que se materialicen na vida real e, máis concretamente, na vida das persoas coas que traballamos cuxos dereitos son moitas veces socavados e vulnerados como consecuencia de situacións de inxustiza social e desatención política”, recolle a publicación. As e os profesionais do traballo social, engádese, ocupan un lugar privilexiado na sociedade para executar esta tarefa desde a práctica profesional.
Ademais de avivar o debate sobre os dereitos humanos e a súa consideración na práctica profesional, a publicación quere contribuír a reforzar a conciencia sobre a necesidade dunha educación baseada en dereitos humanos para o traballo social e ao mesmo tempo “desmitificar o halo de utopía” que rodea a conquista destes. Algunhas das fórmulas que se propoñen no libro para a integración da práctica baseada en dereitos humanos na educación en traballo social son, por exemplo, a súa inclusión nos plans de estudos oficiais, a aprendizaxe-servizo, a realización de formacións específicas, a incorporación a través do currículo implícito acudindo a conferencias e seminarios ou a promoción de experiencias de estudo no estranxeiro en lugares onde se traballe desde esta perspectiva.
Do mesmo xeito, o equipo responsable da publicación subliña que “resulta imprescindible a implantación do enfoque baseado en dereitos humanos no ámbito do sistema público de servizos sociais e no conxunto de sistemas de benestar, así como en todas as súas institucións e organizacións”. Este enfoque, explican, trata de mellorar a vida das persoas a través da construción dunha cultura ética fundada nos valores dos dereitos humanos. “Desexamos que este libro contribúa ao desenvolvemento destas e outras moitas accións que nos permitan facer efectivo o compromiso do traballo social cos dereitos humanos profundando así nos seus valores constitutivos e que dan sentido á nosa profesión”, afirman.