DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado por profesorado de Ciencias Empresariais e Turismo e Enxeñaría Informática

Unha publicación do Campus Auga explica como iniciarse no mundo da empresa e da innovación

O manual está especialmente orientado ao emprendemento de alumnado universitario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI Ourense 31/03/2025

O Campus Auga acaba de editar unha publicación titulada Plan de Formación de Innovación 2024. O libro ofrece un enfoque integral, desde a teoría á práctica, sobre o emprendemento empresarial, adaptado de xeito espacial ás necesidades do alumnado universitario interesado neste tema. Ademais, quere ser un manual que serva como guía completa para calquera persoa que desexe iniciarse no mundo empresarial.

A publicación xurdiu co gallo da celebración a finais de febreiro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense das Xornadas formación para a innovación. O emprendemento do alumnado universitario. A actividade estivo coordinada por Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz, profesorado respectivamente da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e contou co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. 

Ao igual que as xornadas, o libro está coordinado por Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz e son autores dos seu contidos o profesorado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Noelia Araújo, Diego Rodríguez-Toubes, Nuria Rodríguez, Ernesto López-Valeiras, Juan Manuel de los Ríos e a xa citada María Montserrat Cruz. “Nun contexto onde a transformación e o avance tecnolóxico son constantes, resulta fundamental xerar propostas comerciais novas, que poden adaptarse no menor tempo posible ás evolutivas esixencias do mercado. O propósito deste manual consiste en proporcionar as ferramentas e coñecementos requiridos para moverse nesta complicada contorna empresarial”, sinalan desde a súa coordinación. O libro, engaden, “quere presentarse como un referente para o alumnado universitario que desexe obter unha formación extraacadémica suplementaria aos seus coñecementos e habilidades curriculares derivados dos diferentes estudos universitarios, de modo que se constitúa nunha ferramenta práctica, innovadora e potenciadora de ideas que poidan ter un percorrido incremental no tempo”.

Da idea de negocio aos trámites de creación

O manual arranca abordando a idea de negocio, cubrindo aspectos básicos, como a xeración de ideas a través da exploración da contorna, a creatividade empresarial e diferentes técnicas de ideación. Neste sentido, propoñen ao público lector comezar o seu estudo coa análise dun diagnóstico inicial, avaliando tanto o contexto xeral como o específico, e a análise interna, o que lles permitirá obter unha visión completa da súa proposta. A segunda sección do manual está enfocada na idea de modelos de negocio e nela os conceptos como formación, organización e xeración de valor son abordados polos autores, presentando o concepto de Lean Startup. “Mediante o Lean Canvas, os emprendedores poderán organizar os seus modelos de maneira eficaz e eficiente, o que lles axudará a detectar oportunidades e crear propostas de valor atractivas”, explícase na publicación.

Na terceira parte, o libro achega ao público lector a conceptos sobre a promoción e publicidade, explicando os principios elementais e complexos da mercadotecnia actual, pondo de relevo a necesidade de analizar o mercado, as tácticas en liña e establecer unha identidade de marca forte. Xa a cuarta parte do libro céntrase na análise de contabilidade e finanzas, “elementos fundamentais que permiten aos emprendedores xestionar os seus recursos de maneira efectiva e avaliar o rendemento das súas iniciativas”. Preséntanse conceptos crave e boas prácticas para asegurar a sostibilidade financeira do negocio. Finalmente, inclúese un anexo que describe as formas xurídicas e os trámites necesarios para a creación dunha empresa, proporcionando unha guía práctica para aqueles e aquelas que se embarcan no emprendemento.

“Poderiamos dicir que este libro convidará o noso alumnado a innovar de forma realista e á vez práctica, sen afastarse das necesidades que se precisan para pór en marcha unha idea de negocio; porque “os soños, soños son” e de aí parten grandes iniciativas, pero é necesario ter un coñecemento realista e técnico de cada fase, contar con ferramentas e ser capaces de organizar e planificar unha innovación empresarial que sexa sostible a longo prazo”, recóllese na publicación. O emprendemento, afirman os responsables deste manual, “non é só crear unha empresa ou un negocio, senón que isto último debe ir acompañado dunha actitude que permita identificar oportunidades e afrontar retos innovadores”.