DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Post-Growth Innovation Lab promoveu un acto de balance das actividades promovidas neste 2024 

Unha publicación reunirá os máis de 700 estudos presentados na Conferencia ESEE-Decrecemento

O evento reuniu en Pontevedra 1140 participantes de 49 países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/10/2024

Un total de 1140 persoas, chegadas desde 49 países, congregáronse o pasado mes de xuño no campus de Pontevedra con motivo da Conferencia Internacional ESEE-Decrecemeto 2024, organizada polo grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab. O evento no que se agrupaban a décimo quinta Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento englobou a presentación de 742 comunicacións, estudos que reuniranse nun libro dixital que servirá para facer balance “dun evento espectacular, que puxo no mapa o grupo de investigación, a Pontevedra e á Universidade de Vigo”, como sinalou o seu director, Mario Pansera.

Co obxectivo de facer balance das diferentes iniciativas impulsadas ao abeiro desta conferencia e de efectuar un agradecemento ás diferentes organizacións colaboradoras, Post-Growth Innovation Lab promoveu este martes un acto de peche na Casa das Campás, no que participaron vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Este encontro serviu tanto para presentar as cifras dun evento que o grupo de investigación organizou coa colaboración da Universidade, o Concello, a Xunta de Galicia, a ESEE e o movemento Degrowth Internacional, como estrear un “pequeno documental” centrado nas diferentes actividades desenvolvidas entre o 18 e o 21 de xuño.

Da parte académica á social

Como lembrou Pansera, a ESEE-Decrecemento contou coa participación de 1140 persoas, entre as que se atopan as e os 153 estudantes e docentes de cinco institutos da cidade que presentaron as investigacións que desenvolveron ao abeiro do proxecto de ciencia cidadá Post-Growth SA: Pontevedra, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt). No referido á parte científica, destacou tamén o desenvolvemento de 214 sesións paralelas, en diferentes facultades e escolas do campus, a publicación de 742 traballos e a presentación de 44 pósters. A isto sumáronse á súa vez sete diálogos plenarios, 25 sesións interactivas e sete sesións artísticas. 

Ao mesmo tempo, o evento académico viuse complementado por un “programa de actividades culturais”, dirixido a “achegar á cidade” ás temáticas abordadas na conferencia, que abrangue tanto as 22 actividades que englobou o programa social do evento como os once relatorios, mesas de debate e presentacións que integraron a programación da Primavera do Decrecemento, desenvolvida nos meses previos ao congreso. O evento, sinalou Pansera, contou coa participación de 33 persoas voluntarias e desde a organización conseguiuse o apoio económico para sufragar os gastos de rexistro de 231 participantes.