Co gallo dun concurso organizado polos docentes
Robots creados polos alumnos desfilan polos corredores da ETS de Enxeñeiros Industriais
Co obxectivo de aprender xogando, os profesores da ETS de Enxeñeiros Industriais Rafael Sanz e Enrique Paz organizan, dentro da materia que imparten, o concurso Robots Móbiles. A experiencia, que botou a andar no 2000, conta cunha gran aceptación entre os estudantes, posto que, tal como comenta Antonio Díez, un dos alumnos, “tendo en conta que se trata dun traballo voluntario, é destacable que preto do 90% da clase estea integrado nalgún dos dez grupos participantes”.
“Contando cun prazo de tres meses, os estudantes teñen que traballar con algoritmos e sensores de distancia e cor para montar e programar un robot capaz de superar unha serie de probas, entre as que se atopa a de buscar a saída dentro dun labirinto, seguir unha liña curva, coller obxectos situados dentro dun círculo e levalos para fóra e, por último, a máis interesante, o sumo entre robots”, segundo apunta o profesor Enrique Paz. O grupo que quede mellor situado na clasificación xeral recibirá como premio un punto máis sobre a nota do exame final da materia Control e Programación de Robots e Sistemas de Percepción.
Os organizadores móstranse moi satisfeitos co nivel acadado nesta edición, xa que “cinco dos robots presentados son sobresaíntes e isto é o que nos anima a repetir a experiencia ano tras ano”, segundo palabras de Paz, quen ademais considera que “un dos obxectivos da materia, que é resultar entretida ao alumnado, cúmprese amplamente deste xeito por tratarse un traballo moi competitivo no que a parte lúdica está moi presente”