DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estudante da EE de Telecomunicación Martina Páramos contou cunha bolsa de mobilidade da UVigo

Tres meses dunha experiencia “enriquecedora” de cooperación en Honduras

Colaborou con Enxeñería Sen Fronteiras nun proxecto concienciación social para o coidado ambiental

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 15/10/2024

Tras case tres meses en Honduras, a estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martina Páramos está xa de regreso en Galicia. Do país centroamericano, onde estivo desenvolvendo unha estadía de cooperación, trae unha morea de experiencias vividas e de novas perspectivas vitais que tamén lle axudarán a sentar as bases so seu traballo fin de grao. Esta estadía desenvolveuse ao abeiro do Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (ESF) e cunha Bolsa de mobilidade en proxectos de cooperación da Universidade de Vigo.

De volta na casa dende hai uns poucos días, valora moi positivamente a oportunidade que supuxo esta bolsa de cooperación. “Foi transformador. Experiencias así, de estar lonxe de casa, das túas comodidades, da túa xente e da túa cotiandade, sempre che fan medrar. Tamén me permitiu ter tempo e enerxías para explorar temas que me chaman a atención, relacionados coa educación para a cidadanía global, as relacións entre norte e sur en canto a extractivismo, uso de poder e demais”. Dende o punto de vista profesional, engade Martina Páramos, “a verdade é que xa teño en mente buscar un campo que relacione a enxeñería co eido social ou co coidado do medio, e esta experiencia refórzame a idea”.

Concienciación ambiental

A estadía de Martina desenvolveuse en San Lorenzo, Valle, onde ESF ten unha oficina e traballa con tres socios locais: o Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca, a Mancomunidad de Municipios del Sur (Nasmar) e a Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Agua (Ahjasa). O seu contacto máis estreito durante os tres meses de traballo cooperativo foi coa primeira destas asociacións, que centra o seu traballo na acción e concienciación social para o coidado do medio natural. “Eu acompañaba o persoal técnico nas saídas a campo” realizando actividades como a reforestación de mangle, capacitacións en agroecoloxía, avistamento de aves e toma de mostraxes e posterior análise da auga nos laboratorios da universidade. “A miña figura era de pura aprendizaxe”, colaborando na loxística dalgunhas actividades e aprendendo moito sobre o país e os países veciños, falando coas persoas das comunidades e coa ONG”. Outros días eran de traballo de oficina, nos que Martina escribía as crónicas da súa estadía para a web de ESF e recibía, xunto con outros cooperantes, formación en formulación de proxectos. Neste tempo tamén puido avanzar no seu TFG que se centrará en facer melloras en SIROS, “unha aplicación móbil de denuncias medioambientais anónimas, que naceu no 2018 dun proxecto de ESF e da ONG e da que se reportaron problemas nos últimos anos”. 

Para esta moza, que está a piques de rematar os seus estudos de grao, esta é a súa primeira experiencia no eido da cooperación, aínda que leva sendo socia-voluntaria de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia dende finais do 2021, “polo que xa coñecía dous grupos de persoas que fixeron este mesmo programa e todas falaban xenial”. O seu interese por este país centroamericano tamén garda relación coa visita a Galicia de varias mulleres hondureñas defensoras do territorio no marco do programa Mulleres Bravas de ESF e Amigas da Terra. “Quedei marabillada con elas e as súas loitas. Entón non lle din máis voltas e, como só me quedaba o TFG e non tiña outras responsabilidades, tireime á piscina”, relata.

Unha experiencia recomendable

Tras pasar en Honduras preto de tres meses, recomenda unha estadía deste tipo “a calquera persoa con curiosidade polo mundo da cooperación, sensibilizada co coidado do medio e aberta a coñecer diversidade de culturas e territorios”. 

Alí sorprendeuna o feito de que, aínda tendo un idioma común, existan tantas palabras distintas pero tamén chamou a súa atención o que define como “cultura do piropo normalizada”. Relata que, a menos que fosen acompañadas por algún home, os asubíos, comentarios vulgares ou bucinadas dende os coches eran o máis habitual e “a iso nunca me acostumarei”. Pero salvo ese aspecto concreto, o resto da experiencia caracterizouse por atopar “xente marabillosa, hospitalaria e con vontade por axudar no que puidese” disposta a abrir as portas das súas casas, a compartir “á sombra dalgunha árbore ou nas cadeiras da súa casa” froita, comida e frescos. “É moi enriquecedor escoitalos falar sobre como funciona o seu país, como ven o norte global, a migración, as ONGs locais ou internacionais... e ate caeu algunha clase de punta, un baile típico hondureño ben movidiño”. Outra cousa que se trouxo de Honduras é “o ritmo de vida e o xeito de afrontar os contratempos”, recorda. “Algunhas veces quedamos ás 7 da mañá para saír ao campo e, por unha cousa ou outra, arrancamos dúas horas despois, pero a actividade faise e ninguén se molesta. E logo hai días nos que non hai luz na vila e os pasamos traballando dende cafeterías con xeradores. E tan tranquilamente. Creo que desenvolvín moito a miña paciencia e resiliencia ante os cambios”.