DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega dos Premios Alumni e antigos alumnos e alumnas da institución

A UVigo distingue a excelencia e o talento agromado das súas aulas

A praza do Berbés acolleu tamén a celebración do encontro anual de egresados e egresadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
DUVI 19/07/2024

As persoas egresadas das aulas da Universidade de Vigo convértese para o resto da súa vida en embaixadores e embaixadoras da institución, nos seus representantes e nun espello no que mirarse. Para agradecerlles todo ese valor engadido, a Universidade de Vigo puxo en marcha os Premios Alumni, que na tarde deste xoves entregaron os galardóns da súa terceira edición nun acto celebrado no edificio Redeiras. O obxectivo desta convocatoria é promover a excelencia e recoñecer o labor persoal e profesional de aqueles antigos estudantes que na actualidade destaquen por unha traxectoria que achegue valor e teña unha clara vontade de inducir cambios na sociedade. Nesta ocasión, os gañadores foron Raquel Gómez na categoría de Emprendemento; Valentina Marta Rodríguez en Humanidades; Javier Cebreiros en Impacto Social; Carlos Spuch en Investigación e Pablo Rodríguez na categoría Traxectoria Profesional.

En total presentáronse 114 candidaturas para as 5 categorías existentes. O xurado seleccionou cinco finalistas en cada unha delas e foi a comunidade Alumni a encargada de decantar a balanza nunha votación que estivo aberta ata hai uns días. En total, nesta última fase emitíronse máis de 600 votos.

Perfís dos premiados

Raquel Gómez foi a elixida na categoría Emprendemento, pola posta en marcha da cooperativa Somos Terra. Graduada en Bioloxía, a idea empresarial foise desenvolvendo, xunto coa súa socia, ao abeiro do programa Incuvi da UVigo e hoxe é unha realidade que ten como obxectivo educar, sensibilizar e implicar aos diferentes axentes da sociedade para activar a sostibilidade no territorio. O proxecto medrou pouco a pouco e dende hai tres anos é a súa maior fonte de ingresos, traballando en diversas iniciativas de formación e divulgación. Actualmente están a desenvolver unha nova proposta, a creación dun bosque comestible para fomentar a agroecoloxía a través dun programa de inclusión social e voluntariado.

Na modalidade de Humanidades o galardón foi para Valentina Marta Rodríguez, titulada en Tradución e Interpretación e especializada en tradución médica. Co seu traballo reivindica o uso do galego e do castelán como linguas da ciencia e contribúe ao seu desenvolvemento; traduce para importantes laboratorios farmacéuticos e está especializada no eido das enfermidades raras. Compaxina a tradución coa investigación e a docencia, onde traslada estes coñecementos para que o alumnado coñeza de primeira man como funciona o mercado real da tradución.

Pola súa banda, Javier Cebreiros, gañador na categoría de Impacto Social, é graduado en Administración e Dirección de Empresas e máster e doutorado en Comunicación. Ademais da docencia e divulgación, está involucrado no proxecto Ensaia, un movemento social que, cunha visión a largo prazo e grazas as doazóns de máis de cen persoas que conforman a comunidade, outorga bolsas a novos talentos con ideas que impactan social, cultural o economicamente en Galicia.

O doutor en Neurociencia e investigador R4 e PI do Grupo de Neurociencia Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia Sur Carlos Spuch foi o galardoado na categoría en Investigación. É autor de máis de 90 artigos e capítulos de libros, máis de 250 comunicacións e 6 patentes, ademais de impulsar moitas actividades divulgativas e educativas. Imparte docencia no Máster en Nutrición da Universidade de Vigo e no Máster en Ciencias Biolóxicas da Universidade de Vigo. É director e profesor do curso de Formación Continua: Somos o que comemos? como afecta a nutrición á nosa saúde nos hospitais do Chuvi e do Chou.

Finalmente, Pablo Rodríguez, fundador e director creativo da marca ReiZentolo, alzouse co premio na categoría Traxectoria Profesional. Licenciado en Belas Artes, a súa idea de negocio naceu nas aulas da facultade coa idea de facer deseño poñendo en valor a cultura popular de Galicia. Na actualidade é unha marca recoñecida e referente para toda unha xeración de galegos e galegas, con sete locais propios en Galicia. Entre outros recoñecementos, gañou o premio ao mellor concepto galego de Franquía, o premio Xoán Manuel Pintos ao compromiso coa Lingua Galega e o premio Expopress á Dinamización Cultural en Galicia. 

Premios honoríficos

No transcurso do acto tamén se fixo entrega de distincións honoríficas desta edición. O Premio Alumni-UVigo Honorífico, que se outorga a membros da Comunidade Alumni UVigo que destaquen por unha traxectoria profesional sobresaliente e recoñecida a nivel autonómico, nacional ou internacional, e que as súas achegas sexan relevantes para a Universidade foi para Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. O premio Alumni Distinguido polos seus relevantes méritos profesionais contribúan ao recoñecemento e prestixio da Universidade de Vigo, dentro e fóra dela, foi para as deportistas Susana Rodríguez Gacio e Teresa Portela, que non puideron asistir á gala por compromisos profesionais. Finalmente, o premio Amigo Alumni, outorgado a persoas ou entidades externas á Comunidade Alumni-vigo que destaquen polo apoio e fomento daquelas actividades que contribúan aos intereses e valores propios da Universidade de Vigo, foi para David Regades, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo. Este

Recoñecemento ao programa de mentoría

Como nas anteriores edicións, o acto foi conducido por Susana Rodríguez Barcia, profesora en la Facultade de Filoloxía e Tradución e que contou coa presenza do reitor Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini. Esta última destacou o papel do programa de mentoría da Comunidade Alumni, que busca que as e os titulados ou estudante dos últimos cursos de grao, mestrado e doutoramento melloren as túas habilidades para a empregabilidade a través do asesoramento e consellos dun ou dunha profesional en exercicio da túa mesma área de coñecemento. Precisamente en representación desta rede de mentores e mentoras tomou a palabra Patricia Verdial, licenciada en Tradución e Interpretación e actual asistente de dirección do Museo Marco de Vigo. Tras a súa intervención comezou a entrega de premios que rematou coa intervención do reitor, que tivo unhas verbas para agradecer o esforzo, talento e compromiso de todas as persoas galardoadas e candidatas.

150 asistentes ao Encontro Alumni

Posteriormente, a festa trasladouse á praza do Berbés, onde tivo lugar unha nova edición do Encontro Alumni, unha xuntanza de antigos alumnos e alumnas da UVigo na que os arredor de 150 asistentes puideron atoparse cos que foran os seus docentes, compañeiros e compañeiras, e enriquecer así a súa rede de contactos persoais.