Nun proxecto europeo xunto ás universidades dese país africano e de Porto
A UVigo participará na creación dun laboratorio de tecnoloxía alimentaria en San Tomé e Príncipe
Ao seu abeiro tamén realizarán actividades de capacitación de alumnado e profesorado
Un equipo da Facultade de Ciencias do campus de Ourense participa nun proxecto europeo que creará en San Tomé e Príncipe un laboratorio de tecnoloxía alimentaria, ademais de capacitar a alumnado e profesorado universitario dese país africano no eido dos alimentos. O obxectivo último desta iniciativa é contribuír, a través da cooperación e a transferencia de coñecemento, ao desenvolvemento sostible desta república democrática.
O proxecto Expertise and technology for São Tomé e Príncipe: bioresources for food (TecBioFood) ten unha duración de tres anos, desde principios de 2024 ata finais de 2026. O seu orzamento total é de 447.528 euros, financiado a través da convocatoria da Unión Europea Capacity building in the field of higher education, da European Education and Culture Executive Agency. O consorcio participante está formado pola UVigo; pola Universidade de Porto (Portugal), coordinadora do proxecto, e pola Universidade de San Tomé e Príncipe e o Instituto Universitario de Contabilidade, Administraçao e Informática deste mesmo país.
Por parte da Universidade de Vigo participa persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias procedente de diferentes áreas de coñecemento. Así, está representada a Área de Tecnoloxía dos Alimentos, coa profesora Sidonia Martínez; a de Enxeñería Química, co catedrático Gil Garrote, e a de Nutrición e Bromatoloxía, coa profesora Raquel Rial e a catedrática Elena Martínez, coordinadora esta última da participación galega. Os seus membros destacan a súa satisfacción por participar nun proxecto no que, apostando pola cooperación internacional, o traballo de formación, investigación e transferencia que realizarán intentará contribuír ao desenvolvemento sostible dun país como San Tomé e Príncipe.
Formación, investigación e transferencia
TecBioFood, explica Elena Martínez, xurdiu froito da colaboración entre a Universidade de Porto, coa profesora Olivia Pinho á cabeza, e a oenegué lusa Helpo, que colabora neste proxecto europeo e que traballa en países como o protagonista desta iniciativa. “A Universidade de Porto buscaba fortalecer esta colaboración e contactaron con nós para poder presentar esta proposta conxunta no eido alimentario dentro do programa Erasmus+”, comenta. A Facultade de Ciencias ourensá destaca no ámbito de traballo do proxecto xa que os grupos de investigación e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación que alberga sitúan á Universidade de Vigo entre as 51-75 mellores do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e entre as 401-500 en Ciencias da Terra e Ciencias Agrícolas no ránking de Shanghai.
Neste contexto, o obxectivo principal TecBioFood “é mellorar as competencias na educación superior a través dos recursos biolóxicos, co fin de mellorar o desenvolvemento sostible de San Tomé e Príncipe”. Para acadar este reto, a Universidade de Vigo e a de Porto son as institucións responsables de transferir coñecementos/competencias á Universidade de San Tomé e Príncipe, tanto nas facultades onde se imparten titulacións relacionadas cos alimentos como no Instituto Universitario de Contabilidade, Administraçao e Informática. Unha vez feita esta capacitación de recursos humanos, nunha segunda etapa do proxecto, os socios porán en marcha un Laboratorio de Tecnoloxía Alimentaria no país africano, “para axudar a San Tomé e Príncipe a valorizar a súa gran biodiversidade de froitas e verduras, pouco explorada en termos de tecnoloxía alimentaria”.
O equipo da Universidade de Vigo participará no proxecto principalmente na formación do alumnado da Universidade de San Tomé e Príncipe nos módulos de tecnoloxía alimentaria e procesado dos alimentos, así como no deseño do citado laboratorio, no estudo dos alimentos seleccionados e no desenvolvemento dos novos produtos que se elaborarán a partir deles (como marmeladas, aperitivos e zumes).
Coa idea de fortalecer os vínculos entre os recursos biolóxicos e a protección da biodiversidade e as comunidades locais, os produtos alimenticios desenvolvidos integraranse nas actividades de apoio alimentario de Helpo a grupos vulnerables, como menores. Así, detallan, “a inclusión dos produtos alimentarios nos menús escolares e hospitalarios, engadindo valor nutricional, xunto coa formación das comunidades, deixará a semente de novas oportunidades económicas para a evolución de Santo Tomé e Príncipe no sector agroalimentario, aliñadas co Green Deal e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU”, sinalan por último desde TecBioFood.