DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Medio cento de docentes dos tres campus colaboran na posta en marcha do novo sistema

A UVigo ponse ‘mans á obra’ na implantación de CoARA, o novo método de avaliación da investigación

Estanse a deseñar as accións que a institución se compromete a levar a cabo ata 2027

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • HR
  • Investigación
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/10/2024

Partícipe dos debates que se veñen desenvolvendo no contexto europeo e global sobre a necesidade de reformar os modelos de avaliación da investigación, a Universidade de Vigo adheriuse desde o primeiro momento, en decembro de 2022, á Coalición para o Avance da Avaliación da Investigación, Coalition for Advancing Research Assessment, CoARA, e, dende entón son múltiples as accións que se teñen posto en marcha para dar a coñecer este novo protocolo entre a comunidade universitaria e avanzar na súa implantación. A última destas accións tivo lugar hoxe xoves de maneira presencial no edificio Ernestina Otero e en liña a través do Campus Remoto, unha xuntanza de na que o denominado comité CoARA se reuniu con medio cento de investigadores e investigadoras dos tres campus que, de xeito voluntario, están a participar no proceso de consultas e debate interno para que esta reforma estea lista en 2027, data prevista para o arranque do novo sistema.

O plan de acción CoAra, que conta na actualidade con máis de 700 entidades adheridas, ten como obxectivo lograr un cambio de paradigma no modelo de avaliación da ciencia para maximizar a calidade da investigación e as boas prácticas científicas a escala internacional. “Desde hai uns anos a comunidade investigadora comezou a darse conta de que o que avaliamos nos currículos non é igual  en todos os ámbitos”, explicou a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen puxo como exemplo o feito de que tradicionalmente o máis valorado son as publicacións e isto pode prexudicar ás investigadoras e investigadores dos ámbitos humanístico e xurídico-social. “O xeito no que se transmite o coñecemento está cambiando e o que queremos é que se valoren máis cousas que as publicacións, que se teñan en conta tamén outras cuestións na medida na que corresponda”, recalcou a vicerreitora.

Proba piloto no 2026

No caso da UVigo o Consello de Goberno do pasado mes de xuño deulle xa luz verde a un plan de acción CoARA, un documento no que se recollen os obxectivos anuais para o período 2024-2027, que van dende a creación dun comité, a elaboración dunha estratexia de visibilización, a implicación da comunidade universitaria no proceso de cambio e a implementación das ferramentas precisas para que, en 2026, se poida poñer en marcha unha proba piloto para a revisión dos protocolos de avaliación. Deste xeito, a idea sería que en 2026 e 2027 se implantasen os protocolos de avaliación revisados en consonancia con este novo método de avaliación.

Implicación da comunidade investigadora

Unha das liñas básicas de actuación recollidas nese plan de acción refírese á implicación da comunidade universitaria nese proceso de cambio, polo que se convidou a toda a comunidade investigadora a colaborar achegando ideas. Nesta liña, durante a xuntanza deste xoves formáronse diferentes grupos de traballo para analizar as convocatorias de financiamento da Universidade de Vigo, de universidades "próximas" en termos xeográficos, tamaño da institución, clasificacións... e da Xunta de Galicia de cara a analizar os seus criterios de avaliación, propoñendo melloras e novos ítems a utilizar.

Trátase, tal e como se explicou na reunión, de deseñar unha dirección común co resto de organizacións, recoñecendo a diversidade de misións ou obxectivos, carreiras, perfís, resultados, procesos , prácticas e actividades que se inclúen dentro da actividade investigadora a día de hoxe, coa finalidade última de maximizar a calidade e o impacto.

Unha vez consensuados os novos criterios farase un proxecto piloto de aplicación dos mesmos, que se revisará, para avaliar os progresos realizados, e melloralo ata a súa implantación definitiva.