DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con xornadas e postos informativos que arrancaron este luns no campus de Ourense

A UVigo únese á celebración esta semana dos #ErasmusDays

O obxectivo é dar a coñecer as oportunidades deste programa de mobilidade internacional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Ourense 14/10/2024

Desde este luns 14 e ata o sábado 19 de outubro celébrase a oitava edición dos #ErasmusDays, una conmemoración internacional impulsada pola Unión Europea para dar a coñecer o seu programa de mobilidade Erasmus+. Sumándose un ano máis a esta iniciativa, a Universidade de Vigo organiza esta semana actividades informativas nos tres campus que arrancaron este luns en Ourense.

Os #ErasmusDays, que nesta edición teñen por lema Facer brillar Europa, convidan a todos os países e institucións participantes no Erasmus+ a organizar eventos dixitais e/ou físicos nos que se dean a coñecer e celebren os proxectos e oportunidades que ofrece este programa de mobilidade. No caso da Universidade de Vigo, os actos están organizados desde a Vicerreitoría de Internacionalización.

Nos tres campus

No arranque da súa programación este luns no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense, participaron os técnicos desta vicerreitoría María Pardal e Juan Cabaleiro. “A Universidade de Vigo adheriuse a estes #ErasmusDays e durante esta semana celebraremos diferentes xornadas de difusión do programa, nas que falaramos das diferentes convocatorias abertas. As actividades están destinadas tanto ao alumnado como ao persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos”, comentaron.

A programación no campus de Ourense contou cunha xornadas informativa sobre as posibilidades de participación en programas de intercambio para o curso 2025/2026 á que asistiu numeroso alumnado de diferentes titulacións. Seguiulle outra charla sobre as oportunidades concretas da rede europea Athena e rematou coa colocación dun stand no que persoal da ORI atendeu de forma individualizada as consultas do estudantado.

Seguindo o mesmo formato de posto e charlas informativas (que se poden seguir a través do Campus Remoto da UVigo), a actividade dos #ErasmusDays na UVigo continuará mañá martes no campus de Pontevedra, na facultades de Comunicación e de Dirección e Xestión Pública. No campus de Vigo, a programación desenvolverase o mércores 16, na Facultade de Filoloxía e Tradución, e o xoves 17 na Facultade de Bioloxía.