Iván Fernández proclamouse mellor orador da fase
A Asociación de Debate Retórica da UVigo acadou a clasificación para a seguinte fase do certame Parlamento Xove
Con tres debates gañados e segundos de 15 equipos participantes, os representantes da Asociación de Debate Retórica da UVigo, Inés Túñez e Iván Fernández, acadaron a clasificación para a seguinte fase do certame Parlamento Xove, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, que este ano acada a súa 16ª edición. Máis de 600 equipos de centros de Secundaria, Formación Profesional e universidade participaron no certame desde a súa posta en marcha co obxectivo de achegar á mocidade ferramentas para potenciar as súa habilidades e competencias en eidos como selección de información, a expresión oral e escrita, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo e a convivencia.
Máis de 264 mozas e mozos, 44 deles universitarios, participaron na fase clasificatoria disputada a pasada fin de semana na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, onde debateron sobre a temática Compénsalle a Europa apostar pola reindustrialización? Só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico, procedeuse ao sorteo das posturas, a favor e en contra, que cada equipo deberá adoptar en relación coa cuestión formulada. Con tres debates gañados e tras acadar o segundo posto entre os 15 equipos participantes, os representantes da UVigo aseguraron o seu pase á seguinte fase, ademais de que Iván Fernández proclamouse mellor orador. “A seguinte fase que é a que recolle cuartos, semifinais e final, terémola aínda en xuño”, explica Inés Túñez.
A participación do equipo da UVigo en Parlamento Xove produciuse unha semana despois de acadar os cuartos de final no torneo de debate organizado pola UC3M.