Este manual sobre parentalidade positiva preséntase este xoves nun seminario da EE Forestal
Unha guía compila un conxunto de recomendacións para exercer mellor como nais e pais
Coordinada pola catedrática da UVigo Francisca Fariña e o maxistrado Xavier Abel
Que as accións de pais e nais estean dirixidas a comprender e atender as necesidades físicas, emocionais, de protección e de desenvolvemento dos seus fillos e fillas é a base da parentalidade positiva, un conxunto de principios orientados a que o comportamento das e dos proxenitores estea fundamentado no interese superior de nenas, nenos e adolescentes. Achegar información sobre este concepto e un conxunto de pautas e recomendacións é o obxectivo da Guía para el ejercicio de la parentalidad positiva, unha publicación coordinada pola catedrática da Universidade de Vigo Francisca Fariña e o maxistrado Xavier Abel. Os contidos e obxectivos desta publicación serán abordados este xoves 24, ás 17.00 horas, na Escola de Enxeñaría Forestal, no seminario Justicia sostenible para las familias.
Promovido pola Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade, coa colaboración da Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Xunta de Galicia, trátase dun seminario aberto á cidadanía, sen necesidade de inscrición previa. O seu obxectivo, sinala Fariña, é “dar a coñecer a comunidade universitaria e á sociedade a existencia e historia do seminario” e presentar unha guía que pretende “achegar a pais e nais información baseada no coñecemento científico sobre cales son os principios da parentalidade positiva e que pautas poden seguir para implantala”. Dispoñible tanto en formato dixital como en papel e editada en galego co apoio da Dirección Xeral de Xustiza, esta guía é o resultado dun traballo “interdisciplinario”, que sumou as achegas de profesionais da avogacía, da xudicatura, fiscais, letrados, profesionais da psicoloxía e docentes de seis universidades, como apunta Fariña, que destaca tamén o “enfoque positivo e motivador” dunha publicación dirixida ás familias e “de utilidade para os diferentes profesionais que traballan con elas”.
A guía será presentada nesta ocasión por tres das expertas participantes, a psicóloga forense e profesora da Universitat de Barcelona Mila Arch, a maxistrada Carmen Ortiz, a catedrática da USC Mercedes Novo e a presidenta da Asociación de Avogados Colaborativos de Familia, Sonia Álvarez. Previamente, Fariña e Abel, presentarán o seminario do que son codirectores, completándose esta actividade cun relatorio deste maxistrado, vicepresidente da Plataforma Familia y Derecho.
Os principios para exercela e os problemas de non facelo
Como explica a guía, unha parentalidade positiva contribuirá a que nenos, nenas a adolescentes adquiran confianza, autoestima, autonomía e tolerancia á frustración. Pola contra, o seu “non exercicio” pode derivar en sufrimento emocional, dificultades de autorregulación, ansiedade ou baixa tolerancia á frustración, así como en dificultade “para interiorizar valores morais positivos”. A publicación busca nese senso achegar as familias aos principios que deben rexer a parentalidade, como recoñecer os e as menores como “persoas con dereitos”, o coñecemento das súas necesidades “en función da etapa evolutiva na que es atopen”, establecer “límites e normas claras, consistentes, dialogadas, flexibles e coherentes” ou emprego de “prácticas disciplinarias que exclúan castigos físicos e psicolóxicos”. A partir destas ideas, reúnense unha serie de recomendacións para nais e pais, que abranguen desde corrixir os seus fillos e fillas “sen xulgalos” e recoñecer "os seus logros e méritos”, ata axudarlles a xestionar as súas emocións, facilitar que asuman responsabilidades ou coñecer as súas vivencias e experiencias.
Consellos “especialmente útiles” en rupturas de parella
Esta serie de orientacións, lembra Fariña, “serán especialmente útiles en rupturas de parella complexas, nas que a conflitividade entre as persoas adultas adoita facer perder de vista o sufrimento dos fillos”. De aí que un dos apartados desta guía estea dedicado a este tipo de situacións, pondo de relevo cuestións como a necesidade de que pais e nais “non transmitan” aos e ás menores “os seus sentimentos derivados da separación”, nin os impliquen no conflito ou manter “unha relación dialogante”, que posibilite “pautas educativas consensuadas”. Este apartado complétase á súa vez con información sobre os programas de apoio ás familias con proxenitores separados.