DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

De xeito temporal ata o vindeiro mes de setembro

Helena Cortés asume “o gran reto” de dirixir o Servizo de Publicacións da UVigo 

Avoga por seguir trasladando a produción propia a un público máis amplo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 31/03/2025

Coa experiencia adquirida, por ser, dunha banda, autora de varios volumes, e pola outra, responsable dunha pequena editorial especializada na publicación dunha coidada selección de clásicos e ensaios, a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da UVigo Helena Cortés Gabaudan asume a dirección do Servizo de Publicacións da institución académica viguesa. Ata o vindeiro mes de setembro, momento no que se centrará no seu labor investigador, Cortés enfronta o que considera “un reto moi grande” no que, asegura “vou intentar resolver a convocatoria oficial de monografías e manuais e rematar ou cando menos poñer na pista de despegue a maior cantidade posible dos moitísimos libros que se están a xestionar actualmente”. 

Galardoada co Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 por El Diván de Oriente y Occidente de Goethe, Helena Cortés é licenciada e doutora en Filoloxía Alemá pola Universidad de Salamanca; profesora titular da UVigo, onde se incorporou no ano 1992 e directora do Instituto Cervantes nas súa sedes de Bremen, Hamburgo e Múnich entre os anos 2005 e 2015. Especializada en Friedrich Hölderlin e na época clásico romántica alemá arredor de 1800, tamén traduciu ao español obras de Heidegger, Grimm, Fontane, Rilke e, por suposto, Goethe. Sobre o novo cargo que agora ocupa á fronte do Servizo de Publicacións, Cortés asegura que “é un ámbito de traballo que me parece moi atractivo por que está directamente conectado coa investigación que se fai na universidade e porque é unha das máis importantes tarxetas de visita de cara ao exterior do que facemos os universitarios. Por iso mesmo, é un aspecto que cómpre coidar especialmente. Un bo servizo de publicacións dálle un enorme prestixio a unha universidade”, explica.

Na procura dunha maior transcendencia pública

Consciente da limitación temporal da súa nova responsabilidade, na que “o anterior director e colega, Jorge Luis Bueno, fixo un gran labor, dinamizou moito o Servizo, creou novas coleccións moi interesantes e modernizou o formato das revistas, así que me deixou o listón moi alto”, asegura”, Cortés non elude, non obstante, apuntar cara onde debería ir, na súa opinión, o futuro do Servizo. “Ás veces teño a sensación de que o mundo universitario é demasiado pechado e tende a autoalimentarse, o que editorialmente significa que traballa moito para si mesmo, para darlle unha plataforma aos seus profesores, sobre todo aos que aínda precisan publicar para poder avanzar na súa carreira, aínda que logo todas esas publicacións poucas veces transcendan fóra da universidade”, detalla a docente e investigadora, que lamenta esta circunstancia.

Entende Cortés que, aínda que esta é sen dúbida unha das misións do Servizo de Publicacións, non se debería descoidar a transferencia, “a necesaria proxección ao exterior”, abrindo as súas portas editoriais ao mundo non necesariamente académico. “E non é que non se faga xa isto no noso servizo, o certo é que se fai pero penso que esta é unha boa liña na que se debe seguir a afondar moito máis para lograr unha transcendencia pública. Cando vexo os libros da nosa universidade nos andeis das librarías normais, algo que antes apenas ocorría, iso alégrame, pois é o único xeito de chegar a un público máis amplo. Creo que por aí se debe ir", detalla.