Na 4ª edición do certame promovido pola Unidade de Cultura Científica (UCC+i)
O investigador da UVigo Juan Carlos Navares e o alumnado do IES de Brión, gañadores do concurso de Youtubers Científicos
Récord de propostas presentadas, que se achegaron á vintena
Realidade virtual, aumentada e mixta e Por que a ciencia é relevante para a sociedade son os títulos dos traballos gañadores da 4ª edición do certame Youtubers Científicos, organizado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo e enmarcado dentro do plan anual de actividades Ciencia de ida e volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).
Na primeira edición na que o concurso abriu a súa participación ao alumnado de Secundaria e Bacharelato, o alumnado de 1º da ESO A do IES de Brión foi o gañador co seu traballo Por que ciencia é relevante para a sociedade, un vídeo moi creativo e colaborativo, no que o estudantado explica de xeito sinxelo e orixinal a relevancia do coñecemento científico para a sociedade. Pola súa banda, o investigador do grupo Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx Juan Carlos Navares fíxose co premio na modalidade para persoal investigador da UVigo cun traballo no que destaca a súa capacidade de comunicar as diferenzas entre a realidade virtual, a aumentada e a mixta, cun xeito fresco, dinámico e cun toque de humor.
Complicada decisión para o xurado
Entre as preto de 20 propostas recibidas, o xurado, cuns criterios baseados no contido, a creatividade e a calidade técnica das pezas, tivo bastante complicada a elección dos gañadores, que superaron a outros traballos de gran nivel, como o de Laura Gómez sobre o principio de Arquímedes; ou a peza de Nicolás Limeres baseada nunha animación con figuras de Playmobil, que foron os vídeos finalistas desta 4ª edición do concurso.
O xurado formado, entre outros especialistas en comunicación e ciencia, polo youtuber galego Iago Gordillo e o investigador Alberto Gutiérrez, un dos gañadores da pasada edición do concurso, destacou das propostas gañadoras “a capacidade narrativa e de estruturación da información, cuns guións moi ben elaborados, o seu afán divulgativo a través da síntese de temas complexos e a súa capacidade de involucrar ao espectador e mantelo atento ata o final”. Os traballos do alumnado do IES de Brión e do investigador da UVigo Juan Carlos Navares foron, tamén, os que maior número de likes do público acadaron na canle de Youtube da UCC+i, 686 no primeiro caso e 78 no segundo.
Os premios e a formación previa para o persoal investigador da UVigo
Os autores dos vídeos gañadores do concurso recibirán un lote de produtos para a elaboración de vídeoblogs, ademais de 800 euros do premio para o PDI e 500 para o de Secundaria.
Como en edicións anteriores, previamente á convocatoria do concurso desenvolvéronse varias sesións informativas para persoal investigador da UVigo, impartidas nesta ocasión por Iago Gordillo e o divulgador científico Ricardo Moure, e nas que se abordaron aspectos como a gravación, edición e estratexias para identificar a audiencia, adaptación da mensaxe ao público ou estruturación do fío narrativo.