DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No libro 'Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?'

Investigadoras da UVigo dan visibilidade ao papel das mulleres desde a Prehistoria ata o século IV

O volume, editado na colección Feminismos da Editorial Galaxia, foi presentado hoxe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/03/2025

Invisibilizadas e estereotipadas son os dous adxectivos que definiron ás mulleres nun relato histórico elaborado e protagonizado por varóns. Mudar esa perspectiva, outorgándolle ás mulleres o protagonismo que lles corresponde foi un traballo emprendido por historiadoras pioneiras que, lembra a catedrática do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo Susana Reboreda Morillo, “foron tachadas de non ser historiadoras” por intentar introducir unha perspectiva de xénero no seu traballo. Aínda que a situación mudou nos últimos anos, a realidade é que a día hoxe aínda son moitos “os contos mal contados” en referencia ao papel das mulleres na historia. 

Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?, é o título dun libro que recompila os traballos de oito investigadoras relacionadas coa Universidade de Vigo, que pretende contribuír, precisamente, a restaurar o papel das mulleres, “revisitando a historia”,  dixo Susana Reboreda, tamén coordinadora e autora dun dos capítulos do volume, desde a Prehistoria ata o século IV. O volume, froito da colaboración, entre a Universidade de Vigo e a Editorial Galaxia, que o publica ao abeiro da súa colección Feminismos, amosa ao longo de cinco capítulos realidades variadas, que van das cavernas, ata Roma, pasando o Exipto, abordadas desde diferentes perspectivas polas súas autoras.

Colaboración para avanzar na perspectiva de xénero

Na presentación do volume, que tivo lugar este mediodía no edificio Redeiras, a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez Castro, agradeceu a implicación de Galaxia neste proxecto iniciado no ano 2021 ao abeiro do Plan de Igualdade da Universidade, polo docente e investigador da UVigo Xabier Martínez Cobas, e que se materializou ata o de agora na publicación de catro volumes. Pola súa banda, María Pereira, directora da Merlín Comunicación, destacou a importancia da perspectiva de xénero para rescribir a historia, ao tempo que destacou que no ano no que editorial cumpre 75, “a presenza de mulleres no noso catálogo é cada vez maior”. Mentres, María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta, agradeceu á UVigo e a Galaxia a súa aposta “fundamental para avanzar na perspectiva de xénero”, ao tempo que puxo en valor o papel da ciencia para cambiar o xeito de mirar e contar a historia, lonxe de roles e estereotipos.

Transferencia histórica que se comprende moi ben

Claudia Alonso Moreno, María José Bravo Bosch, Andrea Mouriño Schick, Beatriz Comendador Rey, María Eugenia Múñoz Fernández, Alba Antía Rodríguez Nóvoa e Patricia Valle Abad e Susana Reboreda, que tamén coordina o volume, son as autoras de Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?, que arranca cun capítulo dedicado a Prehistoria, Centrifugando a Cavewoman, “moi rompedor e afastado desa idea da muller das cavernas personificado pola actriz Raquel Welch”, explicou Reboreda. O cuestionamento das fontes é un dos trazos do seguinte capítulo dedicado a Exipto, (A muller) É un campo útil para o seu señor, mentres que o terceiro dedicado a Grecia, Os rituais relixiosos como espazo de poder feminino, aborda os rituais femininos, nunha época “na que a relixión impregnaba a vida cotiá e a política e eses rituais eran unha vía de escape para as mulleres”, detallou Reboreda.

O cuestionamento dos tópicos sobre a muller romana define o seguinte capítulo do volume, Era un mundo de homes? Venturas e desventuras, que remata cun traballo, Exeria, unha escritora galega exemplar, dedicado á peregrina da Galaecia, que tamén foi unha pioneira na transferencia de coñecemento sobre as súas viaxes. Precisamente, no valor para transmitir coñecemento que ten este volume incidiu a tamén vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, que se referiu ao libro como “un volume de transferencia que se comprende moi ben” ao tempo que reivindicou o papel das e dos historiadores para transmitir os coñecementos sobre Historia dun xeito e con “linguaxe clara”.