DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os cursos de verán do campus de Vigo chegarán cargados de ideas frescas

A matrícula abrirase mañá xoves, 9 de maio

Con obradoiros de creatividade, termalismo, patrimonio do Bierzo, construción de satélites e saúde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
M. Del Río DUVI 08/05/2024

Como cada verán, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria deseña unha programación de cursos estivais abertos a toda a cidadanía que abranguen un amplo abano de temáticas. A idea é ofertar un catálogo que poida chegar a todos os colectivos e responder a moi diferentes tipos de inquedanzas. Para este ano o programa chegará cheo de ideas frescas para combater o calor con cinco obradoiros, dende un laboratorio dos sentidos ata o xa clásico sobre o patrimonio natural e cultural do Bierzo, pasando por un taller de turismo e saúde, outro para enfrontarse ás urxencias cardiovasculares e un quinto para aprender a construír un satélite.

A matrícula para todos eles abrirase mañá xoves e están recoñecidos con 1 crédito ECTS por cada 30 horas de traballo.

Laboratorio dos sentidos

Unha das novidades desta edición é o laboratorio dos sentidos, unha proposta para afondar na natureza sensorial do coñecemento e no carácter sinestésico da creación, a través dun enfoque antropolóxico, contextual e participativo no que se abordarán distintas propostas artísticas e obras que integran modos de sustentabilidade baseados no desenvolvemento e intensificación da nosa conciencia corporal, sensorial, intuitiva e medioambiental.

Dirixido por Iria Vázquez López impartirase no edificio do Berbés entre o 24 e o 27 de xuño e 1 e 5 de xullo en horario de mañá e cun prezo de 50 euros. As persoas asistentes coñecerán a historia dos sentidos, das ideas e teorías que foron conformando a súa xerarquización e concepción e aproximaranse ás prácticas artísticas contemporáneas e doutros momentos históricos, dende unha perspectiva de xénero. Tamén explorarán a influencia e interacción entre as distintas artes e disciplinas: pintura, escultura, música, poesía, danza e gastronomía coa idea de conectar coa dimensión que ten cada un dos nosos sentidos no coñecemento da realidade. 

12ª edición do curso sobre o patrimonio do Bierzo

Se o laboratorio dos sentido é unha das novidades, o curso sobre o patrimonio natural e cultural do Bierzo é un clásico que este verán acadará a súa 12ª edición achegando a ciencia a todas as idades. Este taller, coordinado pola profesora Josefina Garrido, ten como obxectivo coñecer o patrimonio natural do Bierzo e o seu importante papel na Reserva da Biosfera dos Ancares e estudar a biodiversidade desta zona e interpretar as súas paisaxes. Tamén se abordarán algunhas das repercusións que as alteracións de orixe antrópica poden producir na natureza e visitarase o Museo de Ciencias Naturais e Etnográficas do PP. Paules de Villafranca del Bierzo.

Cun prezo de 55 euros, o curso desenvolverase os días 5, 6 e 7 de xullo.

Termalismo e turismo de saúde 

Tamén repite na programación de verán o curso sobre turismo de saúde, centrado no termalismo. Dirixido polo profesor emérito José Luis Legido Soto, este obradoiro busca amosar a estrutura dos diferentes espazos dos centros termais e analizar e interpretar a relación existente entre o termalismo e o turismo de saúde. As e os participantes poderán realizar prácticas de aplicación das técnicas termais empregadas nos distintos centros termais. Cun prezo de 50 euros desenvolverase entre os balnearios de Laias, Guitiriz, Chaves, Carballiño e Partovia os días 2, 3, 4 e 5 de setembro. 

Fai o teu propio satélite

Tamén repite este verán o obradoiro de construción de satélite, que coordina Guillermo Calvo Hermo, un do estudantes que forma parte da agrupación UVigo Space Lab. Xunto con algúns dos seus compañeiros impartirá este taller no que as persoas asistentes poderán adquirir as competencias básicas de desenvolvemento de misións espaciais e plataformas satélite baseadas no estándar CubeSat e adquirir unha visión xeral de todos os elementos que compoñen un sistema espacial, os retos e beneficios que levan asociados estes sistemas. 

Este taller, cun prezo de 30 euros, terá lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación entre os días 2 e 6 de setembro en horario de mañá. 

Enfrontarse ás urxencias cardiovasculares 

Completa a programación para este verán o taller para aprender a enfrontarse ás urxencias cardiovasculares dende o ámbito clínico e tecnolóxico. Esta proposta terá moi presente a posibilidade de incorporar a intelixencia artificial (IA) e centrarase na tecnoloxía sanitaria na contorna cardiovascular, repasando a anatomía e fisioloxía do aparello cardiovascular. Coordinado pola enfermeira María Sol Bravo Amaro, tamén permitirá facer un obradoiro de electrocardiografía e recoñecemento de bradicardia e taquicardia e aprender a diferenciar e filiar unha dor torácica e disnea segundo as súas características, así como completar clases teórico-prácticas de actuación na reanimación cardiopulmonar básica e posición lateral de seguridade.

O curso impartirase no Hospital Álvaro Cunqueiro os días 10, 11, 12, 17, 18 e 19 de xuño en horario de tarde e cun prezo de 60 euros.