DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado do taller impartido no campus polo director e egresado da UVigo Álvaro Gago

Novos Cinemas abre a súa programación coas curtas nacidas da contorna vital e sentimental de nove estudantes

Estreadas este martes no Teatro Principal, na xornada inaugural desta novena edición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/12/2024

Da memoria familiar e as lembranzas do fogar á vida nunha residencia estudantil, pasando por un retrato visual do barrio vigués de Coia. A contorna natural, persoal e sentimental de nove estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes constituíu a fonte de inspiración das curtametraxes que na tarde deste martes abren a programación do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas. Trátase dos resultados finais do obradoiro Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, que tivo como docente ao cineasta e egresado da UVigo Álvaro Gago.

Promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Novos Cinemas e aberto á participación tanto de estudantes como de tituladas e titulados o pasado curso, o taller impartido por Gago, que en que en 2018 acadaba coa curtametraxe Matria o premio do xurado do Festival de Sundance, buscaba guiar o alumnado na busca dunha “ollada propia” como cineastas. Para isto, o director convidounos a buscar na súa propia contorna o material co que comezar a traballar nas curtametraxes que este martes presentaban na proxección previa á sesión inaugural de Novos Cinemas, dedicada ao filme La Parra, dirixido polo tamén egresado da UVigo Alberto Gracia.

Unha proposta que levou a un “cambio de enfoque” 

Tras unha primeira sesión na que Gago presentou ao alumnado unha serie de referentes, o obradoiro combinou o traballo individual con sesións nas que as e os participantes abordaban conxuntamente o desenvolvemento das súas pezas. “A participación neste taller permitiume experimentar un desenvolvemento distinto aos dos meus anteriores proxectos”, recoñece o estudante de Comunicación Audiovisual Nel González, quen presenta en Desconexión unha reflexión sobre “o contraste entre min mesmo e o espazo que me rodea, unha residencia de estudantes”. Nesa mesma liña, o egresado da Facultade de Comunicación Pablo Martínez destaca o “cambio de enfoque nos procesos creativos” que supuxo o obradoiro no que desenvolveu A prisión dixital, “un diálogo entre dous tipos de paisaxe, a natural e a simulada”, que contrapón “imaxes bucólicas e contemplativas” a “situacións alienantes” que serven ao protagonista “como substituto do lugar no que non pode estar”. A proposta de Gago levou ao alumnado a “unha relectura e cuestionamento” das súas contornas, engade o estudante de Belas Artes Héctor Pousa, que propón “un percorrido pola miña paisaxe tanto sentimental como cotiá” en A cabra tira ao monte. Con ese mesmo punto de partida, a egresada Gala Rodríguez presenta en C.O.I.A. “un retrato sonoro e visual” do barrio vigués de Coia, mentres Fabiola Quintela fala “da memoria familiar e das diferentes formas de despedirse daquilo que amamos”, como sería neste caso a casa dos seus bisavós, en Decir adiós.

A contorna persoal máis próxima faise tamén patente en Una estrella se estrelló, na que a titulada en Belas Artes Rocío Campoy pon en valor o “cariño e dos coidados” de cara a “manter a estabilidade e o benestar emocional”, tomando como punto de partida a idea de aproximarse “á expresión artística desde a tenrura” proposta por Gago. Xunto a estas pezas, no festival estréanse 23:51, “unha aproximación cinematográfica bastante formal que busca transmitir mediante sensacións un concepto sinxelo”, do estudante de Belas Artes Lois Novas; Somnus, de Antón Rodríguez, e Non é un corto. É unha carta, de Tristán Rodríguez. 

Nova sección dedicada a centros formativos

Os proxectos audiovisuais nacidos nun contexto académico centran ademais a nova sección competitiva de Novos Cinemas, Ceres, para a que foron seleccionadas catro curtas creadas en centros formativos de España e Portugal. Entre elas, Gralla, realizada polos graduados en Comunicación Audiovisual Rebeca Tella e Daniel Filloy. Ademais, tres estudantes desta titulación, Eva Lago, Noa Pichel e Zaira Pérez integran nesta edición o Xurado Novo do festival.

Ademais das proxeccións, no programa do festival figuran tamén unha serie de encontros con profesionais do sector audiovisual, como os que os directores Adrián Canoura e Ángel Santos protagonizan este xoves na sede da Vicerreitoría. Tamén na Casa das Campás, este venres 13 terá lugar unha mesa de debate sobre o labor de empresas de distribución de cinema independente e emerxente e o domingo 15 un encontro co profesor da Escola de Artes da Universidade Católica Portuguesa Pedro Alves.