Día Internacional da Muller 2025

UVigo - Igualdade 18/02/2025

As investigacións arqueolóxicas e antropolóxicas con perspectiva de xénero revelaron que as mulleres na prehistoria desempeñaban roles fundamentais e diversos nas súas comunidades. Contrario á visión nesgada que as relegaba a tarefas reprodutivas, evidenciouse a súa participación activa en actividades como a caza, a recolección, a produción artesanal e téxtil, a elaboración de ferramentas, a xestión económica e a participación en actividades rituais. Nalgunhas sociedades prehistóricas, as mulleres ocupaban posicións de poder e autoridade. Estes estudos recuperan o papel das mulleres, que desempeñaban roles esenciais na economía, a cultura e a organización social das súas comunidades.

O desenvolvemento da agricultura e da gandaría provocou unha maior especialización do traballo e da acumulación de excedentes, o que deu lugar a estruturas sociais máis xerárquicas. Nesta etapa aparecen as primeiras normas que institucionalizaron os roles de xénero, como o Código de Hammurabi, as Leis de Manu ou a autoridade da manus do dereito romano. Isto patriarcalizou o sistema social e limitou as posibilidades de participación das mulleres. Mais a maioría das mulleres continuaron traballando dentro e fóra da esfera doméstica, como sucedía coas campesiñas, as produtoras de téxtil, figuras destacadas en roles de liderado e de protección nalgunhas culturas asiáticas ou referentes no ámbito da educación superior. 

Nos séculos posteriores as mulleres seguiron participando activamente nas actividades económicas das súas comunidades, nomeadamente na agricultura, a artesanía ou o comercio. A situación era similar en sociedades arredor de todo o mundo, onde as mulleres tiñan papeis variados dependendo do seu status social —que lles permitía desenvolver actividades culturais e artísticas— e da rexión, o que podía limitar a súa presenza pública por normas culturais e relixiosas. No Imperio de Malí, as mulleres participaban no comercio local e na agricultura e, nalgunhas comunidades, tiñan roles políticos e relixiosos destacados, o mesmo que sucedía nalgunhas civilizacións de Abya Ayala. 

Xa no século XVIII, en España, as mulleres eran fundamentais en industrias como as reais fábricas, pero con salarios inferiores aos dos homes. A instauración do capitalismo e a Revolución Industrial transformou as formas de participación das mulleres no traballo, aínda que continuou marcada pola desigualdade. O desprazamento da produción ao espazo fabril trouxo consigo condicións laborais extremadamente precarias, con longas xornadas e salarios sempre máis baixos ca os dos homes. As mulleres, ademais, combinaban o traballo fabril co doméstico e co coidado da familia, asumindo unha dobre xornada invisibilizada. Neste contexto, tiveron lugar as primeiras loitas obreiras protagonizadas por mulleres, como a folga das cigarreiras en 1857 e a da asociación El Alba de Lavanderos y Lavanderas do sindicato de oficios La Heterogénea na Coruña en 1907, a folga das camiseiras de Nova York en 1909, a Vaga de La Constància en Barcelona en 1913 ou a folga das obreiras das fábricas de conservas na ría de Vigo en 1931. Estas traballadoras esixían melloras nas súas condicións laborais como o aumento salarial e a redución da xornada laboral. 

No século XX, as guerras mundiais fomentaron que as mulleres asumisen postos tradicionalmente masculinos mentres que os homes estaban na fronte. A súa contribución foi esencial en sectores como a industria armamentística e a sanidade. Porén, tras a fin dos conflitos, moitas foron despedidas e relegadas novamente ao ámbito doméstico. A segunda metade do século estivo marcada polos movementos feministas, que lograron avances fundamentais en dereitos laborais, como o acceso a empregos cualificados e a loita pola igualdade salarial. Un fito clave foi a aprobación da Lei de igualdade salarial nos EUA en 1963, pero tamén houbo avances noutras rexións, como as reformas laborais en países poscoloniais e o fortalecemento do feminismo sindical en América Latina. Aínda así, no presente persisten desafíos como a fenda salarial, a segregación ocupacional e a precarización de sectores feminizados.

A partir deste percorrido, que recolle o legado das mulleres na vida económica das súas comunidades, neste 8 de marzo queremos recoñecer o seu papel como traballadoras que rompen cos estereotipos de xénero a través da figura das lavandeiras. Estas mulleres desenvolveron un traballo que requiría de gran fortaleza física, xa que non só pasaban longas xornadas na auga fría enxaboando, fregando e clareando a roupa, senón que cargaban con ata trinta quilos de roupa mollada para facer o seu traballo. Ademais, en moitos casos, tamén exercían como costureiras, pasadoras de ferro e te¬cedoras. Así, os lavadoiros tiveron un papel importante como espazos de sociabilidade feminina e o oficio sería unha das ocupacións principais das mulleres das clases populares, como traballo remunerado e como tarefa cotiá para a reprodución da vida. Elas foron, e son, figuras de memoria e acción. 

A campaña institucional deste ano 2025 reproduce unha obra da artista e egresada da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Xoana Abraira de Bernardo, presentada no seu TFG «O oficio de lavar. Unha cartografía sensible».
 

A Universidade de Vigo convida a comunidade da UVigo ao acto institucional organizado para conmemorar o Día Internacional da Muller. A cita será o xoves 6 de marzo, ás 12.00 h, no salón de graos do Edificio de Facultades do Campus de Ourense. 

Programa

 

Campus de Ourense

Facultade de Dereito 

Campus de Vigo

Facultade de Filoloxía e Tradución

  • Conversa: Novas perspectivas feministas: o papel da muller galegofalante nas redes socias
    Dirixen: Sara Castro e Silvia Trabazos. Participa: @todomalva 
    Data: 13 de marzo, ás 11:00 h
    Lugar: Salón de graos 

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais 

Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo 

  • Ciclo 8M «Garantindo a igualdade»
    • Mesa redonda «As institucións como garantes da igualdade»
      Data: 12 de marzo, ás 12:30 h
      Lugar: Salón de graos. 
    • Seminario Plans de igualdade
      Data: 17 de marzo, ás 16:00 h
      Lugar: Salón de graos
    • Obradoiro «Protocolos e recursos ante situacións de acoso sexual e violencia de xénero»
      Data: 20 de marzo, ás 11:00 h
      Lugar: Sala de videoconferencias

Vicerreitoría de Internacionalización

Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía 

 

O 8 de marzo, as universidades debemos unirnos para conmemorar o Día Internacional das Mulleres baixo o lema «Para as mulleres e as nenas en TODA a súa diversidade», en consonancia coa campaña mundial de ONU Mulleres.

Este día representa unha oportunidade para reforzar o noso compromiso coa igualdade de dereitos, o apoderamento e a ampliación de oportunidades para todas as mulleres. A mocidade, será protagonista dos cambios necesarios para alcanzar unha igualdade efectiva e as universidades debemos ter un papel moi activo neste cambio.

En 2025, conmemoramos o 30.º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, adoptada en 1995 por 189 gobernos na 4.ª Conferencia Mundial sobre a Muller. Este documento segue sendo o referente global para o avance dos dereitos das mulleres en todas as esferas: educación, saúde, paz, medios de comunicación, empoderamento económico e social, e erradicación da violencia de xénero.

As universidades españolas debemos asumir un papel activo neste cambio, especialmente ante a crúa realidade á que se enfrontan millóns de mulleres no mundo. So no último ano, 612 millóns de mulleres foron vítimas de conflitos armados.

Elas son máis vulnerables ao impacto do cambio climático e é alarmante o desequilibrio de xénero no acceso á educación básica dalgúns países. A situación aínda é máis grave cando falamos de mulleres con discapacidade; non en balde a reforma do artigo 49 da nosa Constitución obriga a atender particularmente as necesidades específicas das mulleres e dos menores con discapacidade.

A erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade inaprazable, pois unha de cada tres sofre violencia nalgún momento da súa vida e, cada dez minutos, unha muller é asasinada pola súa parella ou por un familiar. Tamén é imprescindible combater a fenda salarial de xénero e a escasa presenza de mulleres en postos de liderado e toma de decisións en empresas, gobernos e institucións.

Nas universidades debemos consolidar a nosa responsabilidade coa igualdade de oportunidades mediante o compromiso coa eliminación de fendas de xénero, sobre todo nas áreas STEAM, e o recoñecemento e a visibilización do traballo académico e profesional das mulleres. Ademais, urxe a efectiva implantación de políticas de corresponsabilidade e de conciliación, así como a verdadeira erradicación do acoso e da discriminación por razón de xénero nas nosas institucións.

Do mesmo xeito que a incorporación transversal da perspectiva de xénero en todos os plans de estudo axudaría a concienciar o profesorado e o estudantado sobre esta realidade, tendo o seu reflexo no ámbito académico e social.

Os dereitos das mulleres son dereitos humanos e de todas. A igualdade únenos pero a diversidade enriquécenos, polo que é misión fundamental das nosas universidades incorporar a perspectiva interseccional xerando espazos de convivencia, facilitando e flexibilizando o acceso a todos os colectivos respectando as súas particularidades e propios contextos sociais e culturais, e ofrecéndolle as ferramentas necesarias ao persoal docente e a comunidade universitaria para educar no feminismo non só desde un enfoque único senón desde a globalidade.

Desde a Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, reivindicamos que as universidades lideren o cambio cara a un futuro máis igualitario, garantindo que cada muller teña as mesmas oportunidades para desenvolverse plenamente. Debemos seguir traballando para construír unha sociedade máis xusta, equitativa e diversa, onde a igualdade non sexa unha meta, senón unha realidade incuestionable.

As universidades que asinan o manifesto forman parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria.   

 

O 8 de marzo é unha xornada de reivindicación e de compromiso coa igualdade de xénero. Ano tras ano, CRUE reafirmou o seu papel na construción dunha universidade inclusiva, libre de discriminacións e comprometida coa equidade. Este 2025, o lema proposto pola ONU, «Para TODAS as mulleres e as nenas: Dereitos. Igualdade. Empoderamento», lémbranos que a loita pola igualdade debe ser transversal e inclusiva, garantindo que ningunha muller e ningunha nena quede atrás ou directamente fóra.

As universidades, como espazos de coñecemento, pensamento crítico e transformación social, teñen a responsabilidade de liderar este compromiso e de converterse en símbolo dos avances logrados e dos desafíos que aínda quedan por superar. Por iso, desde CRUE manifestamos o noso firme compromiso con:

  1. Defender os dereitos de todas as mulleres e nenas, eliminando calquera forma de discriminación e promovendo contornas académicas e laborais seguras e igualitarias.
  2. Garantir a igualdade de oportunidades, impulsando medidas que fomenten a presenza de mulleres en todos os ámbitos do coñecemento, especialmente naqueles onde aínda están infrarrepresentadas.
  3. Empoderar as mulleres na educación e na investigación, asegurando o seu liderado na xeración e na transmisión do coñecemento, sobre todo nalgúns ámbitos específicos.
  4. Reforzar as políticas universitarias de igualdade, asegurando a súa aplicación efectiva e promovendo unha cultura institucional que impulse a corresponsabilidade e a conciliación.
  5. Ampliar a nosa mirada no ámbito global, solidarizándonos con todas as mulleres e nenas que aínda ven vulnerados os seus dereitos fundamentais e apoiando iniciativas internacionais en favor da equidade de xénero.

A educación superior non pode nin debe ser neutral ante a desigualdade. Desde CRUE, renovamos o noso compromiso cunha universidade comprometida coa igualdade efectiva, inclusiva e transformadora, que non só forme profesionais, senón que tamén impulse cidadáns e cidadás comprometidos coa xustiza social e coa construción dunha sociedade máis equitativa, diversa e sostible.

Porque os dereitos, a igualdade e o empoderamento deben ser para todas.

 

Texto orixinal

 

 

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram