No proxecto participa unha vintena de estudantes
Alumnado de Comunicación Audiovisual roda en Ourense a curtametraxe 'Lobelia'
A iniciativa enmárcase na programación do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova
A provincia de Ourense foi escenario estes días da gravación da curtametraxe Lobelia, un proxecto de alumnado do Grao de Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra. Trátase dun “drama romántico que convida a reflexionar sobre a fugacidade do tempo, motivando ao espectador a deixar atrás os seus medos e inseguridades”. Concretamente, a peza “segue a historia de Roi, un tímido estudante de Filosofía que decide aproveitar as oportunidades que lle presenta a vida, especialmente cando coñece a Alba, unha debuxante que lle ensina a vivir sen medo e a arriscar”.
Celanova e a cidade de Ourense
A curtametraxe está dirixida por Laura Barriga e o equipo técnico que participa está formado por arredor dunha vintena de estudantes de cuarto curso de Comunicación Audiovisual. Co obxectivo de que se introduzan na dinámica dun proxecto cinematográfico profesional, elas e eles organízanse en distintos departamentos (dirección, produción, imaxe, son, arte, redes sociais, etc.), o que lles permite profundar nas súas respectivas especialidades. Polo que respecta ao equipo artístico está composto por seis actores e actrices de perfís variados. Así, están o actor Manuel Cortés e o estudantado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Mateo Rodríguez e Iris Pérez (protagonistas da peza) e Isaac Farinha, Jorge Destar e Uxía Suevos.
Desde o pasado día 9 de novembro o equipo desprazouse á provincia de Ourense para a rodaxe, que vén de rematar. Para Lobelia escolleron diversas localizacións de Celanova, como o Auditorio Municipal Ilduara, a Praza Maior e o claustro do Mosteiro de San Rosendo. Tamén rodaron en Xacebáns, Quintela de Leirado e na propia cidade de Ourense, concretamente na Facultade de Dereito do campus e nas termas de Outariz.
O proxecto conta co apoio da Universidade de Vigo, da Deputación Provincial de Ourense, da Fundación Carlos Casares e da Axencia Galega das Industrias Culturais. Así mesmo forma parte do Taller audiovisual Celanova, plató de ficción do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, organizado no marco da programación de extensión universitaria do campus de Ourense. Grazas a estes apoios, xunto aos do Concello de Celanova e da Produtora Kasa Vella, indican desde a organización da actividade, está sendo posible “trasladar a idea de Lobelia á realidade”.
No Taller audiovisual Celanova, plató de ficción, cada ano o alumnado da UVigo que participa afronta o reto de gravar e producir unha peza audiovisual, neste caso unha curtametraxe, baixo a coordinación do profesor da Facultade de Comunicación da UVigo Paulino Pérez. As e os estudantes contan cun orzamento determinado e varias xornadas de rodaxe que lles permiten pór en valor e mellorar os coñecementos aprendidos nas aulas, ademais de achegarse á realidade dunha gravación profesional. Ao longo destes anos, teñen realizádose ao seu abeiro producións como as webseries Fame, nominada ao premio a mellor webserie galega nos Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, e Interfecto, premiada no Bilbao Webfest coa mención á mellor webserie non profesional, ou a mediametraxe Vento ferido.