DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega de diplomas aos estudantes que participaron nesta edición

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova pecha a celebración dos seus 20 anos

Nel analizáronse as últimas producións audiovisuais galegas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Ourense 28/06/2024

Despois dunha intensa semana de programación, o XX Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (Cemac), titulado 20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade, pechou este venres a súa programación. Foi coa entrega de diplomas aos 35 estudantes que participaron nesta edición.

A actividade, que se desenvolveu do 24 ao 28 de xuño, estivo organizada pola Fundación Carlos Casares co apoio da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais. O curso forma parte da programación de extensión universitaria do campus de Ourense e estivo dirixido por Paulino Pérez e Miguel Anxo Fernández, profesores da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra. Nesta edición, lembrouse na clausura, conmemoráronse dúas décadas desta cita e do seu compromiso co audiovisual galego.

Seguindo a liña de anteriores edición, o programa deste ano do curso contou coa participación de diversos perfís profesionais, artísticos e técnicos, de producións estreadas no último ano, como +Cuñados, As Neves e Tratamos demasiado bien a las mujeres. Tamén houbo espazo para unha clase maxistral sobre 'road movies', impartida por José Manuel López, así como curtas premiadas en diversos certames (Nena, O frío, Habitar, Nai e Betas). Completou a programación unha mesa sectorial e a presentación da webserie Dúas señoras, das directoras Uxía Soutullo e Luján Monteiro e froito do taller deste curso Celanova, plató de ficción. Non faltaron un achegamento á figura de Carlos Velo, unha ruta cultural polo Concello de Celanova e unha pequena mostra fotográfica dedicada a estes 20 anos do certame.