A actividade tivo lugar este venres no Edificio de Ferro
Educación e Traballo Social celebra o Día da Francofonía con obradoiros para nenas e nenos
Participaron os CEIP Mestre Vide, Curros Enríquez e Manuel Sueiro
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense sumouse este venres á celebración do Día Internacional da Francofonía. A actividade estivo organizada polas profesoras deste centro Carla Míguez e Sara Vázquez, que imparten as materias de Francés nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. Consistiu na realización de dous obradoiros sobre cine nos que participaron nenas e nenos do primeiro ciclo de Educación Primaria dos CEIP da contorna do campus de Ourense, concretamente do Mestre Vide, do Curros Enríquez e do Manuel Sueiro.
Alumnado de segundo curso do Grao de Educación Infantil impartiu para estas nenas e nenos un obradoiro titulado A arte da mímica con Marcel Marceau e alumnado de terceiro e cuarto curso do Grao de Educación Primaria realizou o obradoiro O comezo do cine cos irmáns Lumière. Foron dous talleres de 30 minutos cada un nos que se levaron a cabo diversas actividades lúdicas relacionadas coa expresión corporal a través da mímica e coa realización de zootropo e traumatropo (representando os comezos do cine). O seu obxectivo foi introducir a nenas e nenos dos centros educativos participantes á lingua e cultura francesas a través de recursos audiovisuais, facendo uso de pedagoxías innovadoras e dun xeito lúdico.