No marco dun obradoiro no que tiveron que realizar unha intervención artística colectiva
As experimentacións do alumnado coas estruturas tridimensionais invaden Ciencias da Educación e do Deporte
Tamén se pode contemplar unha cúpula xeodésica, resultado dun taller sobre recursos STEAM
Xerar unha estrutura tridimensional partindo do plano e conformar unha intervención artística colectiva a partir da experimentación individual. Arredor destas dúas ideas articúlase o taller que nestes días imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o artista plástico e visual Norberto Olmedo e que deu como resultado final unha instalación colectiva. Esta, explica, é froito dun traballo “co azar e a espontaneidade”, no que as pezas elaboradas polo estudantado debían conxugarse “nunha estrutura única”. A instalación pode contemplarse nestas semanas na planta baixa dun centro no que pode verse tamén a cúpula xeodésica construída polas persoas participantes nun taller sobre o uso de diferentes recursos educativos para desenvolver proxectos que permitan traballar na aula diferentes competencias STEAM.
“A aula como taller artístico”
Promovido polas profesoras Begoña Paz, Cristina Varela e África Martínez, o taller impartido por Olmedo ao longo das últimas dúas semanas leva por título Trans-forma: Homeless: anatomía dunha identidade camuflada e ten como obxectivo “presentar experiencias educativas e propostas artísticas que se desenvolven a través da intervención artística no espazo e da construción modular tridimensional”. A idea, apunta Paz, era amosar o alumnado as posibilidades da “aula como taller artístico”, cunha serie de actividades que lles permitisen “traballar co concepto do espazo” e coas “relacións entre obxectos” a través de “linguaxes contemporáneas que teñen que ver coa instalación”.
Dirixido ao estudantado do Grao en Educación Infantil, esta actividade levounos en primeiro termo a desenvolver, “partindo dun folio, unha estrutura que tivera un volume e un equilibrio, a través do pregue ou do corte”, explica Olmedo. Tras eses primeiros exercicios, o obradoiro complétase esta semana cunha actividade na que as e os participantes debían elaborar pezas coas que dar forma “a unha estrutura modular”, nun “traballo un tanto aleatorio”, que pon o foco na “manipulación directa das pezas como parte do proceso creativo na plástica”. Finalmente, o taller péchase este venres cunha sesión dirixida a “facer unha reflexión crítica sobre as potencialidades didácticas do que aprenderon”, explica Paz.
Creatividade e competencias STEAM
Esta estrutura permanecerá exposta na facultade, ao igual que unha cúpula xeodésica realizada na tarde deste mércores polo profesorado e alumnado participante no taller Desenvolvendo mentes creativas en educación desde un enfoque STEAM. Organizado pola profesora Esther Martínez e impartido polo experto en recursos educativos Marco Gil, esta actividade tiña como obxectivo afondar no manexo dunha serie de recursos educativos e en como integralos no desenvolvemento dun proxecto. Concretamente, o taller abrangueu o traballo con máquinas multiferramenta que integran un torno, unha serra de calar, unha lixa e un trade; con kits makedo, que permiten traballar con cartón, e unhas primeiras noción de programación, a través do uso de placas makey makey.
A idea, explica Martínez, “era distanciarnos desa visión de que as novas tecnoloxías son só a parte dixital” e afondar en como, desde recursos dirixido ao traballo manual, é posible tamén desenvolver propostas didácticas que combinen “as competencias propias da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñaría e das matemáticas, así como unha vertente artística”. Ao mesmo tempo, afondou como integrar diferentes recursos "en proxectos que sería factible levar a cabo en centros educativos", engade. De feito, a actividade dará pé ao desenvolvemento deste mesmo proxecto por parte do alumnado do Grao en Educación Infantil.