Centra a súa análise nas sete grandes cidades
A Rede Localis elabora un ránking de solvencia financeira dos concellos galegos
Apunta que o remanente de tesouraría por habitante de Ourense é case tres veces o de Vigo
A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público este venres un novo documento de análise do seu Observatorio Municipal Galego, unha das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Nel preséntase un ránking de solvencia financeira dos concellos galegos máis poboados, é dicir, das sete grandes cidades.
O informe, titulado Diferenzas nos indicadores de solvencia financeira entre os municipios con máis poboación en Galicia, foi elaborado por Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Nel preténdese pór de manifesto a saúde financeira destes grandes concellos, unha tarefa, apunta o responsable da análise, que “non é fácil, dada a casuística fiscal local”. O documento repousa na análise de cinco indicadores de solvencia financeira: necesidade ou capacidade de financiamento; remanente de tesourería; importe de pagos pendentes a provedores; débeda entre os ingresos correntes e remanente entre os ingresos correntes.
Indicadores moi distintos
Segundo recolle o informe, a pesar de ser todos catalogados como concellos de gran poboación, os indicadores de solvencia financeira resultan moi distintos para o sete grandes cidades de Galicia. Así, detállase nel, “a necesidade/capacidade de financiamento per cápita en 2022, indicador que permite sinalar se as entidades locais se poden financiar con recursos ordinarios ou se, pola contra, se ven obrigadas a endebedarse, oscila entre os -59,9 e -47,2 euros (en ambos os casos de necesidade) dos Concellos de Lugo e Ourense e os 78,3 euros (de capacidade) de Santiago de Compostela.
Polo que respecta ao remanente de tesouraría, que permite determinar a capacidade económica das entidades locais para poder enfrontarse ás débedas ao final do exercicio económico, no informe sinálase que en 2022 o volume per cápita oscila entre os 1.168 euros do Concello de Ourense e os -21,4 euros de Santiago de Compostela. Con relación ao importe dos pagos pendentes per cápita, os concellos de Santiago de Compostela (117,4 euros) e Pontevedra (88,7 euros) encabezan a lista de grandes municipios con maior importe. A situación contraria dáse nos Concellos de Lugo (16,8 euros) e Vigo (25,4 euros).
En canto ao cociente entre débeda e ingresos correntes, ratio que permite determinar o número de veces que debería empregarse os ingresos correntes do exercicio para facer fronte ás débedas no medio e longo prazo pendentes, o informe recolle que o seu valor oscila entre o 0,1% do Concello de Vigo e o 22% da Coruña, “o que permite sinalar o importante esforzo realizado pola cidade olívica en termos de solvencia”. Considerando o cociente entre o remanente e os ingresos correntes, a análise destaca igualmente “o forte aumento para o Concello de Ourense, que pasa do 19% en 2011 ao 53% en 2017 ao 118% en 2022”. Este resultado, sinálase no informe, “parece responder á dificultade para aprobar o orzamento na capital da provincia ourensá”.