Cambiemos os nosos hábitos por un futuro sostible

Día Internacional do Residuo Cero 2025

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 27/03/2025

O 30 de marzo celébrase o Día Internacional do Residuo Cero, unha iniciativa da ONU que busca fomentar unha xestión sostible dos recursos e reducir o seu impacto ambiental.

A campaña de 2025 céntrase no lema «Cara ao residuo cero na moda e no téxtil» para destacar o impacto medioambiental deste sector, un dos máis contaminantes do planeta. Estímase que a produción global de residuos sólidos urbanos oscila entre 2100 e 2300 millóns de toneladas anuais, cunha parte significativa procedente da industria téxtil.

A conmemoración deste día está estreitamente ligada aos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), especialmente ao ODS 11 (Cidades e comunidades sostibles) e ao ODS 12 (Produción e consumo responsables).

Na Universidade de Vigo sumámonos a esta iniciativa co impulso de boas prácticas que minimicen a xeración de residuos e favorezan a redución do consumo, a reutilización e a reciclaxe. A través do voluntariado universitario «Residuo Cero», coordinado pola Asociación Amigas da Terra , animamos a comunidade universitaria a adoptar hábitos máis sostibles no seu día a día. Pequenos xestos poden marcar unha gran diferenza para protexer o planeta e garantir un futuro mellor para as próximas xeracións.

Convidámoste a unirte á comunidade Residuo Cero! Podes inscribirte no programa de voluntariado premendo aquí.

 

Máis información:

Área de Equidade e Cooperación
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal