Co obxectivo de fomentar a creación de oficinas de I+D no seo das universidades marroquís, dentro do programa Tempus, púxose en marcha o proxecto STIMU (Structuration d’Interfaces marocaines université-entreprise). A Universidade de Vigo toma parte nesta iniciativa, coordinada pola Universidade de Burdeos, asesorando ás cinco institucións norteafricanas implicadas.
Posta en marcha en xaneiro de 2006, esta iniciativa atópase nunha fase de valoración dos plans de viabilidade das universidades de Marrocos, para o que se conta cun xurado internacional no que participa Ángeles López, directora da Oficina de I+D da Universidade. Trátase da etapa final deste programa para o que se convocou un premio dirixido ás institucións educativas que deben presentar os seus proxectos para a creación ou posta en marcha da súa Oficina de Interfaz Universidade-Empresa, equivalente ás oficinas de I+D ou OTRI.
23/01/2008