AMOR POLAS CORES

Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte

19 de febreiro

UVigo - Diversidade 19/02/2025

A Universidade de Vigo, este 19 de febreiro de 2025, quere sumarse ácelebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte, a través da Unidade de Diversidade. A nosa comunidade universitaria é consciente da importancia de traballar pola xustiza social e de establecer pontes no camiño dunha muda activa dos pensamentos heteronormativos, de darlle visibilidade á nosa realidade heteroxénea de persoas con xéneros e sexualidades diversas no deporte.

Unha data,  o 19 de febreiro, que conmemora o nacemento e a valentía de Justin Fashanu, como o primeiro futbolista homosexual que fixo pública a súa orientación sexual no ano 1990. Unha exposición pública que, por motivo das presións e dos acosos sufridos, desencadeou o seu suicidio oito anos máis tarde, en maio de 1998.

O ámbito deportivo continúa a ser para o colectivo LGTBIQA+ un espazo no que a discriminación ou a estigmatización pola orientación sexual, identidade ou expresión de xénero, por momentos, está presente. Esta circunstancia que provoca que as persoas LGTBIQA+ eludan, en ocasións, facer uso dos espazos deportivos para evitar este acoso ou discriminación. 
Unhas actitudes e comportamentos desta sociedade heteropatriarcal hexemónica que non teñen cabida na Universidade de Vigo. De forma que a institución leva dende hai anos elaborando distintas estratexias para fomentar a actividade física e de saúde, sempre dende un enfoque inclusivo, sendo consciente de que debemos corrixir condutas e fomentar espazos diversos no deporte.

Uns ideais que proxectan o articulado na Lei 39/2022, do 30 de decembro, do deporte, que derroga a Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, que trinta e dous anos despois presenta a práctica deportiva como un dereito de todas e todos. Unha lexislación que indica un importante avance social á hora de entender a igualdade como parte esencial da actividade deportiva. Igualdade real e efectiva para todas as persoas eliminando desta actividade, calquera clase de violencia, discriminación e acoso segundo a Lei 19/2007, do 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia con respecto á orientación ou identidade sexual das persoas no deporte.

Desta maneira, neste día, a Universidade de Vigo pretende convidar a comunidade universitaria a coñecer o Decálogo pola igualdade LGBTIQ no deporte, aprobado este ano pasado polo Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, órgano no que participa a Universidade de Vigo  a través da Unidade de Diversidade. Este decálogo vai dirixido a promover espazos inclusivos e respectuosos co colectivo LGTBIQA+ no eido do deporte e  pódese descargar de balde en Decálogo pola igualdade LGBTIQ no deporte | Deporte Galego

Unha normativa que acompaña parte dos obxectivos do Plan estratéxico da Universidade de Vigo, cuxa política inclusiva e de diversidade pretende fomentar actividades de saúde e benestar entre a nosa xuventude e, especialmente, entre os colectivos máis vulnerables en risco de exclusión como o colectivo LGTBIQA+, para facilitar a súa cohesión social, a través dun instrumento tan valioso como é o deporte. Un deporte inclusivo coa sociedade diversa que fomenta os seus grandes valores no labor da comunidade universitaria: respecto, solidariedade e compañeirismo, superación, traballo en equipo, persistencia e compromiso.

 

Unidade de Diversidade
+34 647 343 033
infodiversidade@uvigo.gal