Cubos de cores iluminados

A diversidade na UVigo

A Universidade de Vigo ten entre os seus fins eliminar as desigualdades por razón de orientación sexual, sexo, idade, discapacidade, raza, etnia, clase ou relixión, para favorecer e garantir a calidade dunha educación inclusiva.

Dende esta meta a Unidade de Diversidade responsabilízase de deseñar, coordinar e desenvolver programas e políticas de inclusión e de non discriminación formando e sensibilizando a comunidade universitaria en temas relacionados co respecto á diversidade.

Marco contextual e operativo

O Plan estratéxico da Universidade de Vigo 2021-2026 sinala o compromiso da UVigo por avanzar coas sinerxías das identidades diversas para promocionar e impulsar o crecemento intelectual e a responsabilidade social do estado de benestar e a calidade de vida que demanda a cidadanía do noso tempo.

Da  análise deste plan conceptual deriva a elaboración e a aplicación das medidas nas que se implique a toda a comunidade universitaria na garantía da inclusión dos dereitos fundamentais das persoas na institución.

A Unidade de Diversidade confórmase como un servizo da UVigo implicado na prevención, atención e protección das persoas dos colectivos máis vulnerables socialmente (LGTBIQA+, persoas discapacitadas, inmigrantes,...) cando se incorporan, permanecen e promocionan na vida universitaria.

A idea esencial desta unidade é acadar unha inclusión plena, establecendo unha política e servizos de acollida, información e acompañamento acordes aos obxectivos da universidade; tamén formar e sensibilizar a comunidade universitaria co fin de fomentar a participación plena de todas as persoas na realidade educativa, laboral e social existente.

A Rede de Universidades pola Diversidade (RUD)

A Universidade de Vigo participa na Rede de Universidades pola Diversidade (RUD), o órgano  de confluencia e de representación do conxunto de universidades españolas en materia de diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.

 

Unidade de Diversidade

Edificio Ernestina Otero, 3.º andar
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 647 343 033
maito:infodiversidade@uvigo.gal
Luns e venres, de 8.00 a 14.30 h

 

Edificio de Facultades, soto
As Lagoas
32004 Ourense
+34 647 343 033 | 988 387 107
maito:infodiversidade@uvigo.gal
Martes, mércores e xoves, de de 8.00 a 14.30 h